Críticas polas presuntas irregularidades cometidas no Comité Electoral

O representante legal de En Marea ante a Axencia Española de Protección de Datos e voceiro da Coordinadora, Gonzalo Rodríguez, nunha rolda de prensa convocada onte, demandou ao Comité Electoral “respectar as decisións dos órganos internos, en concreto as da Comisión de Ética e Garantías”, por ser o órgano “con plenas competencias para actuar interpretando a normativa”.

Rodríguez advertía, durante a súa intervención, que o Comité Electoral, controlado polos críticos coa actual dirección, “quere construír un poder totalitario”, despois de que pedisen continuar coas eleccións ao Consello das Mareas, contravindo a resolución da Comisión de Garantías, que acordou suspender temporalmente o proceso tras detectar unha “intrusión” no censo.

O representante legal de En Marea asegurou que dous informes periciais das auditorías en curso “permitirán saber esta semana que persoas entraron no censo e se houbo ou non alteración do mesmo” e engadiu, en alusión ao cuestionamento da Comisión de Garantías por parte do Comité Electoral que “non vale dicir que servía para o proceso de Paula Quinteiro e non serve para este”.

Apelou tamén a “construír un proxecto coas garantías que En Marea defende para as institucións públicas e que practica internamente”, ao tempo que lamentaba que esas garantías “foron crebadas por membros do propio Comité Electoral”.

A actuación do Comité Electoral en entredito

O Comité Electoral, a través dun comunicado emitido o venres, desacreditou a suspensión do proceso de votación decretada pola Comisión de Garantías, afirmando que as eleccións seguían adiante. A pesares das diversas tentativas por parte do citado Comité, as votacións non se levaron a cabo, aspecto que non gustou nin ao Comité Electoral nin á candidatura “Entre todas”, que en reiteradas ocasións durante estes días posicionouse de lado do Comité Electoral, respondendo dese xeito ás tentativas de diálogo prantexadas polo cabeza de lista da outra candidatura, “Coidando a casa”, que pola súa banda, asumiu a resolución da Comisión de Garantías.

Polas súas decisións respecto este proceso de eleccións internas e á espera das conclusións dos informes periciais que diluciden se realmente persoas pertencentes ao Comité Electoral estiveron implicadas nas irregularidades detectadas, a actuación do citado Comité, órgano que segundo os documentos aprobados pola organización debe ser independente, vese cuestionada, chegando a asegurar a este respecto o representante legal de En Marea que os argumentos do Comité Electoral “xiran sobre si mesmos”, polo que reiterou a demanda de que se respectasen os acordos da Comisión de Ética e Garantías.     

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies