Imaxe: Twitter Yolanda Díaz

Yolanda Díaz fala de ‘intereses partidistas’ tres días despois de crear a coalición que rachou a confluencia en Galicia

A ferrolá Yolanda Díaz acusa a outras formacións de intereses partidistas poucos días despois de crear unha nova coalición e mudar de circunscrición para tentar asegurarse o posto. “É o momento de antepoñer as necesidades da cidadanía galega aos intereses partidistas”, indicou.

Nunha entrevista concedida ao programa Aqui en La Onda, Yolanda Díaz cualificaba de “galega” a nova coalición de Unidos Podemos. A ferrolá non escatimou esforzos para tratar de vestir de galeguidade a nova candidatura coa que se presenta despois de romper a unidade popular de En Marea “Como candidata galega, afronto unha campaña intensa na que percorrerei Galicia de norte a sur”.

Durante a entrevista, cargou duramente contra o voceiro de En Marea, Luís Villares, indicando que ela mesmo fixera “un chamamento á unidade”.  Yolanda Díaz xunto con Antón Gómez-Reino xa fai varios meses que deixaran de render contas diante da formación pola que foran elixidos indicando que soamente o debían facer diante dos seus partidos de procedencia. Aínda así Díaz non se cortou na entrevista en dicir que “os partidos deben ser ferramentas, non fins en sí mesmos” ao que engadiu que “temos que pensar en Galicia e non en siglas” e fíxoo menos de tres días despois de crear unha nova coalición e mudar de circunscrición para tratar de amarrar o seu escano.

A polémica que fixo saltar a Anova

O feito de que Podemos e Esquerda Unida acordasen candidatar a Yolanda Díaz, natural de Ferrol, pola provincia de Pontevedra en lugar da da Coruña motivou que Anova, a formación de Antón Sánchez, decidise non participar na nova formulación electoral que propuxo Yolanda Díaz.

Polémica defensa de Alcoa

Yolanda Díaz aproveitou a entrevista para facer gala do seu traballo e manifestou sentirse moi contenta por “defender os dereitos laborais como en Alcoa”. Isto xerou certo malestar entre os traballadores da factoría debido ao seu apoio aos orzamentos que presentou Pedro Sánchez nos que se contemplaba que se levara a cabo unha merma de axudas de máis de cen millóns de euros ás industrias electrointensivas, o que podería significar, o peche de industrias como Alcoa.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies