A manipulación na TVG chega ao Parlamento europeo

Lídia Senra denuncia no pleno do Parlamento Europeo a manipulación e o uso partidista da CRTVG

Logo de ter rexistrado xa tres preguntas parlamentarias dirixidas á Comisión Europea solicitando que se investigue a situación por parte de diferentes organismos europeos e que desenvolva a Lei 9/2011 dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, entrada a noite de onte, e vestindo unha camiseta na que se podía ler a reivindicación #DefendeAGalega, a eurodeputada galega chamou a atención sobre oataque ao pluralismo informativo que está a ter lugar no noso país. “Neste Parlamento, con moita frecuencia denunciamos con preocupación a manipulación informativa e a falta de pluralidade nos medios de comunicación en diferentes países”, explicou Senra para continuar dicindo que “hoxe quero denunciar aquí a falta de pluralidade, a manipulación e o control ao que o Goberno galego ten sometida a radio e televisión pública galega”.

O deterioro e uso partidista continuo da CRTVG, explicou na Eurocámara, non só ten convertido a canle pública galega “nun voceiro ao servizo do Partido Popular”, senón que está a conlevar un durísimo ambiente laboral na Compañía, con apertura de expedientes displicinarios e ameazas de despido ás traballadoras e traballadores que denuncian a manipulación neste ente público. “Este feito levou aos traballadores e traballadoras da compañía a mobilizarse. Levan xa 19 xornadas de venres negro, unha xornalista e un xornalista dimitiron como presentadores dun dos informativos e o 8 de setembro organizaron unha xornada de mobilización polas rúas da capital galega.”

Facendo uso da súa quenda de intervención libre, a eurodeputada aproveitou para reclamar a “fin do control por parte do goberno galego da radio e televisión públicas, que se respecte a imparcialidade e pluralidade que deben ter os medios de comunicación e o respecto polos dereitos laborais das e dos traballadores”.

Logo de expor os puntos clave da difícil situación pola que está a atravesar a plantilla de traballadoras/es da radio e televisión pública galega, e ao fío do marco establecido Directiva 2010/13/UE, insistiu ás institucións comunitarias: “A Comisión Europea e este Parlamento teñen que intervir con urxencia para que o Goberno galego poña fin aos anos de control e manipulación que teñen convertido a CRTVG no gabinete de comunicación do Goberno e do Partido Popular”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies