Ourense en Común dí que non é En Marea

Martíño Vázquez Mato, líder da formación, indicou que a formación non é Podemos, non é En Marea, non é Esquerda Unida senón un proxecto de base municipal.

Ourense en Común posicionouse nas primarias de En Marea en contra de Luís Villares. Do seu seo saíu David Bruzos contrincante do lucense para a portavocía da formación e a súa actividade para desaloxar ao maxistrado en excedencia da portavocía da formación confluente foi notable. Onte, o seu líder, Martíño Vázquez ofreceu unha rolda de prensa na que indicou que a súa formación non é En Marea pero a cousa non quedou aí xa que tamén deixou claro que non era Podemos nin Esquerda Unida.

No seo da formación ourensá participan maioritariamente militantes de Podemos e Esquerda Unida. É moi frecuente ver aos responsables de ambas as dúas formacións nas súas asembleas e os seus membros coincidiron na lista ‘Entre todas’ coa que tentaron derrotar a Villares. Ata certo punto é lóxico que Vázquez Mato trate de desvincularse da formación na que saíu derrotado e máis despois da candidatura que apoiou saíra amplamente derrotada na contenda por iso se entende que se David Bruzos chamou a abandonar En Marea, o candidato da formación ourensá sexa receptivo ao chamamento e se desvincule da confluencia galega pero a que se debe entón que Martiño Vázquez veña agora a desvincularse de Podemos e Esquerda Unida?

A historia ven de lonxe. Martiño Vázquez foi elixido nun primeiro proceso de primarias nas que Ourense en Común debía escoller o cabeza de lista da formación que debía loitar por chegar á alcaldía de Ourense. Saíronlle dous competidores pero non se enfrentou a eles porque o proceso esixía unha validación previa da asemblea que impediu a súa presenza nas primarias – grazas ao apoio de Podemos e Esquerda Unida – co que Vázquez Mato quedou como único candidato ao posto.

Posteriormente Podemos e Esquerda Unida pediron postos de saída na candidatura que lideraría Martiño Vázquez. A pesar de que estaban en marcha as primarias para a escolla da lista Vázquez non dubidou en paralizalas e, sen que se produciran votacións, ofreceu o número dous da lista a Podemos (Victoria ‘Vicky’ Álvarez), o número tres a Equo (Montserrat Valencia) e o número cinco a Esquerda Unida (Francisco Molina).

O acordo parecía pechado pero dentro de Ourense en Común era un segredo a voces que a cousa non era así. Por unha banda Podemos quería máis postos, Esquerda Unida ir máis arriba e ao sector cidadanista da candidatura non lle sentaron ben as componendas realizadas por arriba e había un malestar evidente.

O acordo interno salta polos aires

Despois do nadal Ourense en Común celebra unha asemblea na que Martiño Vázquez, presionado polo sector sen adscrición partidaria, se retracta do acordo e ameaza a Podemos e Esquerda Unida con reactivar as primarias se non rebaixaban as súas esixencias e segundo fontes próximas, sondeou a varias persoas para que loitaran polo número dous da lista rivalizando con Podemos e Esquerda Unida.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies