Atalaya Mining, sen rumbo e á deriva

A través dunha nota de prensa conxunta, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON, Ecoloxistas en Acción de Huelva e Contraminacción alertan da caída en picado da multinacional mineira Atalaya Mining ao perder todo o gañado dende xaneiro.

Segundo afirman no comunicado, a multinacional tenta camuflar a realidade publicitando crecentes expectativas de produción de cobre na mina de Riotinto (Huelva), “imposibles de acometer, xa que as cousas non lle marchan ben á mineira, e os seus inversores están a darse conta”.

No último mes “as accións da empresa caeron en picado, ata un 35%, o que indica que perdeu todo o gañado dende xaneiro”.

Alén doutros problemas e sentenzas en contra, respecto ao Proxecto Touro a situación tampouco mellora para a empresa, pois o recente informe de ICOMOS, no que alerta do grave risco que a mina suporía para o Camiño de Santiago, podendo chegar a ser excluído da lista de Bens Patrimonio da Humanidade da UNESCO, non parece presaxiar un futuro moi esperanzador para a mineira en Galicia. 

A situación actual de Atalaya Mining, “sen rumbo e á deriva”, aseguran dende a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON , “non ofrece ningunha garantía, pero maior inseguridade debe ter quen teñen a responsabilidade de aprobar ou denegar este proxecto, xa que unha empresa con tal inestabilidade dificilmente ofrece garantías e moito menos no caso de ter que facer fronte a posibles indeminzacións por accidentes ou destrucións patrimoniais, de valor incalculable, ás portas do próximo ano Xacobeo 2021”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies