https://www.cig.gal/

A rebelión sanitaria continúa estendéndose por toda Galicia

Profesionais sanitarios de Atención Primaria da área de Santiago reclaman un proceso de negociación á Consellería de Sanidade e os PACs en pé de guerra séntense esquecidos polo SERGAS.

Manuel Martín, voceiro do colectivo SOS Sanidade Pública, explicaba que a reunión mantida onte na sede compostelá do Colexio de Médicos da Coruña pretendía “confeccionar un diagnóstico” da Atención Primaria na área de Santiago despois de recoller as propostas dos distintos centros de saúde, así como “tratar a convocatoria de mobilizacións e establecer estratexias, xunto con compañeiros doutras áreas, que contan con problemas específicos”. Aseverou que “a rebelión dos médicos de Atención Primaria esténdese en toda Galicia como mancha de aceite” e apostan por seguir mobilizándose “contra o desmantelamento do sistema sanitario en Galicia e falar da sanidade real”.

Os PACs en pé de guerra, pola súa banda, séntense “os grandes esquecidos polo Sergas”, e así o fixeron saber, enviando unha nota co sentir dos PAC ante as declaraciónsdo conselleiro e as medidas anunciadas trala reunión mantida cos xefes de servizo que dimisionarios de Vigo.

Na nota afirman sentirse satisfeitos por “ler que se comprometen a consolidar o emprego cunha OPE do 108% das prazas vacantes”, inda que aseguran non entender por que non se fixo nas anteriores ofertas públicas de emprego.

Lamenten que ante a solicitude ao conselleiro de que se atendan as peticións dos PACs, a súa resposta fose unicamente que os chamaron “para formar parte dos equipos de traballo do novo modelo”, feito do que se enteraron pola prensa antes de ser convocados.    

Critican que “tendo en conta que levamos case un ano demandando unha mellora nas condicións laborais e no cumprimento do pacto, non entendemos como unha vez máis se nos deixa fóra de esas melloras e seguimos sendo os últimos na cola, pois o noso comité de folga non foi convocado nin unha soa vez nestes case 4 meses de folga”.

Dende os PACs en pé de guerra lémbranlle ao SERGAS que “seguirán en pé de guerra “mentres non se atendan as nosas peticións, que non son máis que medios humanos e materiais, así como cumprir as condicións laborais pactadas no 2008”.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies