Pescadores e mariscadores enfurecidos pola suba de 600 euros nas cotas á Seguridade Social

Pescadores, mariscadores e confrarías denuncian que non foron consultados nin informados antes de que o Goberno aprobara a suba, polo que estudan mobilizarse.  

O Comité Executivo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, trala xuntanza que mantiveron para analizar o aumento das tarifas para a cotización por accidentes de traballo e enfermidades profesionais reguladas a través da disposición final do Real Decreto-lei 28/2018, de 28 de decembro, entenden que esta suba “é desorbitante, totalmente desproporcionada, abusiva e inasumible e que prexudica gravemente ao sector pesqueiro”, pois a cota que pagaban á Seguridade Social subiulles de golpe uns 50 euros ao mes, o que significa que este ano pagarán uns 600 euros máis que en 2018.  

Os afectados consideran que a suba é excesiva e que suporá “un mazazo enorme” para as súas economías, pois manifestan que “todos os anos suben 3, 4 ou 5 euros ao mes”, e ata 2018, as cotas medias dos mariscadores e tripulantes oscilaban entre os 197 e os 211 euros, pero agora pasaron a entre 240 e 260, ou, por exemplo, un armador dun barco con sete tripulantes terá que pagar cada mes 350 euros máis á Seguridade Social que ata agora, o que significa que os seus beneficios a final de ano reduciranse máis de 4000 euros.   

A finais do ano pasado o Goberno de Pedro Sánchez e as principais organizacións de autónomo pactaron un novo marco legal para os traballadores por conta propia, o cal foi saudado como un gran avance, pois a protección social dos autónomos españois aumentou moito, pero ten a contraprestación de que o sistema precisa mais cuartos para financiarse, de aí a suba dos recibos.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies