Imaxe: Twitter Yolanda Diaz

Yolanda Díaz esquécese de Pontevedra no seu mitin pre-campaña en Madrid

Yolanda Díaz (En Común Podemos) e Iris Malvido (En Marea), candidatas ao Congreso pola provincia de Pontevedra, participaron esta fin de semana en diferentes actividades, ao igual que as outras candidatas.

Mentres Yolanda Díaz, a ferrolá que se candidata ao Congreso pola provincia de Pontevedra, este pasado sábado arrancaba a campaña en Madrid, presentando a súa candidatura, En Común Podemos, na que asegura, aos poucos días de rachar con En Marea, “nos querían solas y nos tendrán en común”. Autonomeandose “a candidata de Galicia”, durante a súa intervención na Praza do Reina Sofía, “queremos un Goberno que non deixe caer aos traballadores de Alcoa, Isowat, La Naval ou Poligal. Queremos un Goberno que se enfronte ás multinacionais”. 

Esta mención ás empresas coruñesas resulta curiosa, pois no debate dos Orzamentos, a mesma Yolanda Díaz, fai un mes, apoiou un recorte para estas empresas que agora di defender de máis de cen millóns de euros.      

Resultan tamén significativas as escasas mencións que a candidata lle adicou á súa formación, Esquerda Unida, asegurando no arranque de campaña que só irá con Podemos en Galicia. Díaz tamén pasou por alto, ao longo da súa intervención, os grandes conflitos da provincia de Pontevedra, como o de Vulcano. 

Pola súa banda, Iris Malvido, a cabeza de lista de Pontevedra por En Marea o sábado participaba no Hotel Coia, en Vigo, na Convención de ideas para un programa urxente para Galicia, unha sesión de traballo colaborativa e aberta que permitiu a En Marea recoller as achegas da cidadanía para o deseño dun programa electoral pensado para mellorar o benestar do conxunto das galegas e galegos.     

Durante a rolda de prensa, Iris Malvido puxo o foco na mocidade e nas mulleres, salientando que “padecen especialmente a situación de desigualdade e precariedade laboral. Unha xeración que é o futuro sen futuro” e expresando o seu compromiso “de traballar para facer posible un futuro mellor, frear a emigración forzada que afecta ás mozas e mozos galegos e rachar cos teitos de cristal”.

O domingo, Iris Malvido achegábase á praia de Lourido (Nigrán), onde se xuntaron ducias de mozos e mozas, co gallo da campaña “Trashtag Challenge”, para limpar o lixo e os plásticos do areal. Esta campaña medioambiental axuda, segundo indican dende a organización, “a reducir a contaminación no planeta”.

Ana Pastor, a candidata polo PP, acompañaba o domingo a Pablo Casado nun xantar no que o líder dos populares presumía do seu compromiso e o do seu partido “coa España despoboada” comendo marisco, salmón e entrecot en Redondela.

O PSOE, pola súa banda, presentaba o venres a súa candidatura, liderandoa, para o Congreso, Olga Alonso.

Carme Da Silva, candidata ao Congreso polo BNG, foi noticia esta fin de semana trala aparición dunhas pintadas ameazantes no seu domicilio.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies