O BNG denuncia que o albergue de peregrinos de Ourense continúa pechado

O BNG leva ao Parlamento os incumprimentos da Xunta e do Concello de Ourense cos prazos do albergue que aínda está pechado e demanda celeridade.

Noa Presas, deputada do BNG por Ourense, instou á Directora de Turismo a que asuman a súa responsabilidade en incumprir os seus prazos e demanda a apertura canto antes “non agarden para facerlle a campaña a Jesús Vázquez e cumpran con esta débeda”.

Presas volveu preguntar á Xunta de Galiza no Parlamento polo atraso na apertura do albergue “Ourense leva anos agardando un albergue propio e público na zona vella, prometeron unha e outra vez vostede (referíndose a Nava Castro) e o señor Jesús Vázquez que estaría listo en 2017, imos acabar 2018 e segue pechado”

Presas recordou que “o BNG xa peguntou en febreiro e aseguraron que estaría en verán, despois duns imprevistos. Construír en zona vella implica riscos e isto demostra que fallaron na planificación, pero é que por riba recepcionan a obra en xuño e segue pechado”.

A Directora de Turismo xustificou a demora na necesidade de asinar un novo convenio de cesión despois dun informe xurídico do Concello de Ourense. Porén “para o BNG se ese convenio está xa actualizado é impresentable que continúen sen acelerar a apertura, espero que non estean agrdando a facer unha vez máis con recursos da Xunta campaña electoral”.

Para o BNG “A hemeroteca está aí e tanto o alcalde como a Xunta de Galiza aseveraron publicamente en repetidas ocasións que estaría listo en 2017, polo que ao non ser así deberían explicar as causas do novo incumprimento do PP con Ourense e informar dos prazos de apertura xa que 8 meses despois da nosa pregunta seguimos con escurantismo e con desculpas”.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies