Presentación da candidatura de CIG-Ensino

A CIG-Ensino presenta as candidaturas coas que se presentará ás eleccións sindicais

Un total de 744 docentes conforman a súa candidatura ás eleccións sindicais no ensino público non universitario do 4 de decembro que, co lema “Gañarmos o futuro” pretende manterse como referente na defensa do profesorado e do ensino público galego.

O sindicato ten na actualidade a representación do 46% do profesorado en Galicia, segundo consta no comunicado enviado, a moita distancia da segunda forza, co 15%. Preside as catro xuntas de persoal e supera o 50% dos votos nas provincias da Coruña e Pontevedra, nas que se concentra caso o 80% do profesorado galego. 

Nas eleccións, terán dereito a voto 90.995 docentes e elixiranse un total de 142 delegados e delegadas que, polo reparto provincial repartiranse con 45 representantes na Coruña, 27 en Lugo e en Ourense e 43 en Pontevedra. 

Durante a presentación das candidaturas, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, aproveitou para facer balance do traballo realizado nos últimos catro anos, constatando “un balance altamente positivo do traballo sindical” e deu a coñecer as liñas básicas do programa da CIG-Ensino, entre as que se atopan, entre outras, “a xornada laboral de 35 horas para todo o profesorado, a derrogación da LOMCE e dos seus aspectos máis lesivos, a redución das rateos nas diferentes etapas educativas, ofertas amplas de emprego, limitación da temporalidade do profesorado en expectativa de destino, plan especial de atención á diversidade, eliminación das limitacións para a impartición de clases en galego e fomento real da nosa lingua, etc”. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies