Imaxe: https://twitter.com/DefendeAGalega

Nove días de paros contra a manipulación e o desmantelamento na CRTVG

Esta primeira convocatoria interna de folga para os traballadores e traballadoras dos medios públicos na CRTVG en sete anos, á marxe dos paros xerais e a folga feminista, pretende amosar o seu rexeitamento á manipulación e ao control informativo na CRTVG.

Sete anos e dúas lexislaturas e media despois a lexislación segue sen cumprirse, polo que o persoal, que leva 25 semanas mobilizándose nos “venres negros”, apoia maioritariamente as nove xornadas de paro, a desenvolver entre o vindeiro martes 20 de novembro e o sábado 22 de decembro, para reivindicar “o cumprimento da lei, a creación do Consello de Informativos e do Estatuto Profesional, a fin da manipulación e do control informativo na CRTVG”.

Un total de 900 traballadores e traballadoras, entre fixos e eventuais, de San Marcos e de todas as delegacións (A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense) están chamados á folga, que comezará con paros parciais de dúas horas, continuando o 19 de decembro cun paro de 24 horas e unha manifestación, e un paro de seis horas o sábado 22 de decembro.

Entre os obxectivos da folga, segundo o preaviso remitido polo comité intercentros á dirección xeral, atópanse a recuperación da produción propia interna da CRTVG, a supresión da externalización da produción e dos servizos e a erradicación da manipulación informativa da CRTVG, poñéndolle fin á “política represiva”.

Mentres no pasado setembro o persoal da CRTVG esixía na rúa a independencia informativa co apoio de sindicatos e oposición, Feijoo tentaba desentenderse da cuestión espetando “eu non dirixo a TVG”, obviando que foi o PP quen fai sete anos impulsou a lei de medios públicos da que o persoal reclama o seu cumprimento. 

O comité agarda que os servizos mínimos que lles decrete a Corporación sexan “abusivos”, pero alegan ter “máis armas despois de que a xustiza condenase a CRTVG por vulnerar o dereito á folga e á Xunta por establecer uns servizos mínimos maliciosos no paro feminista do pasado 8 de marzo”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies