Imaxe: http://congreso.enmarea.gal

Gómez-Reino carga contra a dirección de En Marea pese a seguir o mesmo procedemento que en Podemos Leganés.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Antón Gómez-Reino, Secretario Xeral de Podemos Galicia e deputado de En Marea no Congreso, cargou duramente contra a coordinadora, esixindo responsabilidades políticas “por meternos nesta situación indignante e intolerable”, cando o procedemento seguido foi case idéntico ao levado a cabo pola formación morada en Leganés.

Gómez-Reino asegurou, no Galicia por Diante, que “a situación é indignante e dificilmente sostible. Creo que a coordinadora que levou a En Marea a esta situación ten enormes responsabilidades políticas. Secundo as palabras de Martiño Noriega e creo que é un absoluto sinsentido. A miña posición, no momento en que se detiveron as votacións foi de perplexidade e, segundo pasan os días, pasamos á indignación cando vemos que sistematicamente a propia coordinadora política vai desdicindo das razóns que se puxeron sobre a mesa para parar unha votación”.

Apuntou tamén que “cando se está a bloquear sistematicamente unha votación, é evidente que a coordinadora saínte non quere que se vote” e que “unha crise política desta magnitude ten que ter responsables políticos, que son os que levaron ao partido a esta situación. Teñen que dar conta e asumir responsabilidades de ter metido a En Marea nesta crise innecesaria, inexplicable e intolerante”.

Cuestionado sobre se Luís Villares debe dimitir, sinálalle a porta indirectamente aducindo que “él é o responsable da coordinadora que está a facer estas cuestións irresponsables” e asegura que “todo o mundo se da conta de que se chegou a esta situación porque a coordinadora tiña temor a perder” espetando “eu creo que o problema no que estamos é porque existe unha concepción de partido político clásico, concepción que algunha xente trasladou a este espazo e que non é a que podemos nin a maioría de compañeiras quere”.   

Fraude e suplantación de identidade nas votacións en Podemos Leganés

Mentres Gómez-Reino carga duramente contra En Marea polo procedemento seguido, a súa formación en Leganés viuse obrigada a anular o resultado das votacións telemáticas e presentar unha denuncia en Fiscalía tras detectar fraude electoral e suplantación de identidade nalgúns votos nunha auditoría dos resultados.

Nesa auditoría contactouse coas persoas cuxo voto puidera non ser emitido voluntariamente e concluíse que “algunhas non realizaran o proceso de inscrición de xeito voluntario, polo que votaran ser ter coñecemento de participar no proceso electoral”. Así, un militante afirmaba “yo ratifiqué que no había votado, aunque habían usado mis datos para ello”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies