A Comisión de Ética e Garantías resolve suspender aos integrantes do Comité Electoral acusados de entrar no censo

A Comisión de Ética e Garantías decidía onte suspender das súas funcións no Comité Electoral aos tres membros, aos que se acusa de entrar no censo de En Marea de xeito irregular tras constatarse polos resultados das auditorías

O sector crítico continua mantendo que non existen motivos para retrasar as votacións, ao darse xa as garantías, sen embargo, a Comisión de Ética e Garantías inda non decidiu sobre o levantamento da suspensión das votacións.

A decisión de suspender aos citados integrantes do Comité Electoral prodúcese despois de que o Consello das Mareas anunciase o sábado a posta en marcha dunha serie de medidas de seguridade para que a votación se puidera efectuar “con plenas garantías democráticas”.

Acordaron o cambio da empresa xestora do ficheiro informático do censo e da encargada da xestión das votacións, a instauración dun sistema de confirmación de voto por medio de sms, a renovación das claves de acceso á plataforma no momento da votación, a contratación dun servizo de autoridade de votación externo que verifique a limpeza do proceso de votacións e que na papeleta de votación figure o nome completo das persoas que integran cada uha das candidaturas. 

Anunciados estes cambios, a Comisión de Garantías debe resolver e, se levanta a suspensión, o Comité Electoral sería quen establecese a data de votación.

Villares confía en votar o antes posible con plenas garantías

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, en relación ás criticas vertidas por David Bruzos, cabeza de lista da candidatura Entre todas, sobre Luís Villares e a coordinadora de En Marea en relación ao proceso electoral, aseguraba o cabeza de lista da candidatura Coidando a casa que “non se está entendendo ben a división de funcións dentro de En Marea: O Comité Electoral cumpre unhas funcións, o Consello das Mareas outras e a Comisión de Ética e Garantías outras. Neste caso o organismo que vela polas garantías e polos dereitos das persoas inscritas é a Comisión de Garantías, e foi esa Comisión a que advertiu que non se daban as condicións idóneas para votar con plenitude de dereitos, polo tanto, lle corresponde a esa Comisión, que detectou esa situación e decretou unha suspensión, decretar que xa existen as garantías. Como Consello corresponde facer achegas técnicas que permitan levantar eses reparos. Cada un cumpre as súas funcións e entre todas e entre todos é como podemos sacar adiante este proceso”.

Durante a entrevista cargou contra as persoas que accederon ao censo de xeito irregular, asegurando que “hai responsabilidades en paralizar as eleccións, pero dende logo non están no Consello nin en ningún outro lado. Están nas persoas que fixeron o que non debían e que polo tanto motivaron que saltasen todas as alarmas de carácter garantista que provocaron a paralización do proceso”, así como contra quen dentro do espazo se amosaba partidario de mirar para outro lado “ante uns feitos tan graves”.      

Remarcando a necesidade de “integrar a todo o mundo con independencia do resultado”, remarcou que “a cidadanía está pendente do proceso interno de EM e ante esa situación solo temos dúas opcións: encubrilo, como fan os demais partidos ou actuar de forma ética, de forma transparente e coherente co que somos e co que queremos ser. Non lle podemos pedir aos demais que actúen con ética se non a practicamos nos mesmos”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies