Andalucía será gobernada polas dereitas logo do pacto de PP, Ciudadanos e Vox

Os apoios de PP, Ciudadanos e Vox convertirán a Juanma Moreno no novo presidente da Junta de Andalucía.

Os populares e a extrema dereita conseguían este mércores un acordo que permitirá ás dereitas tomar o poder na Junta de Andalucía.

O acordo con Vox acadábase en Sevilla minutos despois de que o PP e Ciudadanos asinaran un breve texto de sete puntos onde ambas formacións se comprometen a apoiar a investidura de Juanma Moreno como próximo presidente da Junta. O do candidato popular será o nome que os dous partidos propoñan este xoves á presidenta da Cámara, Marta Bosquet, cando inicie a rolda de contactos cos grupos para afrontar a investidura. Moreno sumaría 26 escanos do grupo popular, 21 de Ciudadanos e 12 de Vox, obtendo un total de 59, cando a maioría absoluta está fixada en 55 escanos.    

Despois da polémica xerada este martes polas 19 propostas que Vox presentou ao PP como condición para apoiar a investidura de Moreno e que os populares cualificaron de “inaceptables”, o mércores, o partido de Pablo Casado vía máis preto o acordo coa formación de Santiago Abascal para desbloquear as negociacións e conseguir o Goberno andaluz, chegándose ao acordo despois de case 24 horas ininterrompidas de conversas que se produciron tanto en Madrid como en Sevilla.   

No texto, o PP e Vox comprométense a “contribuír decididamente a gardar e protexer a orde constitucional e a unidade de España, mantendo sempre a máxima lealdade cara a coroa e a carta magna”.  

O documento acadado inclúe algunhas das medidas presentadas por Vox o martes como a derrogación da lei de memoria histórica, a protección da tauromaquia ou permitir “que os pais poidan excluír aos seus fillos da formación non regrada por actividades complementarias ou extraescolares cando sexan contrarias ás súas conviccións”. Establecese tamén que garantirán “a coexistencia entre a educación pública, privada e concertada diferenciada” ou que apoiaran “material, humana e documentalmente ás forzas e corpos de seguridade do estado que teñen encomendada a protección das fronteiras, garantindo unha inmigración ordenada, legal e respectuosa coa nosa cultura occidental, vinculada sempre ao mercado laboral”.

No acordo retiran a proposta inicial de Vox sobre a derrogación da lei de violencia de xénero, da lei LGTBI e da lei de igualdade.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies