A “revolta feminista” tingue Lugo de morado
Baixo o lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista”, preto de 10000 persoas percorreron o pasado domingo as rúas de Lugo nunha manifestación convocada por Galegas8M.
A mobilización, que congregou a unha gran multitude de persoas, chegadas de diferentes puntos de Galicia, nos 31 buses habilitados pola organización, reuniu tamén a un centenar de batukeiras, que ao ritmo dos tambores amenizaron a concentración.
Galegas8M subliñou que as mulleres de Lugo estiveron moi comprometidas coa convocatoria porque “elas sempre teñen que desprazarse a outros sitios. Só por isto xa mereceu a pena realizala aquí”, polo que fan un balance moi positivo.
Trala lectura do manifesto, o grupo de música e baile ‘Batuko Tabanka’, integrado por mulleres de Cabo Verde afincadas en Burela, amenizaron o acto.
Entre os asistentes na mobilización estiveron varios representantes políticos, como Ana Pontón, voceira do BNG; a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas; a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla; a vicesecretaria xeral de Igualdade do PSdeG, Icía García e representantes do Partido Popular de Lugo e de Ciudadanos.
Icía García, chamou a toda a sociedade a secundar as concentracións convocadas para o próximo 8 de marzo “nun momento no que a dereita está a cuestionar con dureza o traballo en favor da igualdade”, que se reflicte “nas declaracións dos seus principais líderes a nivel nacional cando falan sobre a violencia machista ou a interrupción do embarazo”.
Ana Pontón, pediu na concentración un “8M masivo” para así “parar os pés a esa dereita, carca e rancia, que de novo o que está a poñer en cuestión son os dereitos das mulleres”.
Ana Seijas, pola súa banda, sinalou que o próximo 8 de marzo será “outra demostración do imparable que é o feminismo. Cada vez que hai unha crise, os primeiros dereitos que se poñen en dúbida son os das mulleres, nunca están completamente asegurados”, criticou.