O paro descende en decembro grazas ao Nadal

O número de persoas desempregadas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego reduciuse en 15.718 persoas en Galicia en 2018

Esta diminución supón o 8,5%, máis de dous puntos por riba da media, e prodúcese grazas ás contratacións durante o Nadal.   

Galicia contabilizou 1.074 desempregados menos en decembro que no mes anterior. No conxunto do estado, o paro baixou en 210.484 desempregados en 2018, o que supón o sexto  descenso anual consecutivo, inda que o menos pronunciado dende o de 2013, segundo os datos publicados polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.  

A Coruña foi a provincia onde máis baixou o paro en 2018, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense, mais en Pontevedra 67.192 persoas seguen atopándose en desemprego, na Coruña 66.691, en Ourense 19.099 e en Lugo 16.313.

En canto aos contratos, en Galicia ascenderon a 72.251, que supoñen 12.176 menos que en novembro pero 720 máis que en decembro do ano anterior, caracterizándose por ser contratacións, como é habitual cada mes, temporais.

No acumulado, Galicia conta con 1.082.126 contratos, 983.529 temporais (o 90,89%) e os 98.597 restantes indefinidos (o 9,11%). Esta porcentaxe tan baixa de contratación indefinida, xunto “cunha taxa de cobertura que segue en mínimos, a estacionalidade, a rotación e a baixa calidade das contratacións” fan que dende UGT- Galicia afirmen que “non se logran maquillar as eivas do mercado laboral galego”.   

Dende o sindicato tamén denuncian que “o desemprego en Galicia ten sexo feminino”, pois seguen en peores posicións as mulleres que os homes habendo “unha brecha por sexos no desemprego, posto que o 56,7% do total é paro feminino”.   

Das persoas desempregadas en Galicia, 7.858 son mozos e mozas menores de 25 anos.

Afirman dende UGT- Galicia que “na nosa Comunidade hai 40.313 persoas beneficiarias de prestacións por desemprego de carácter contributivo, tan so o 46% do total, o que indica a alta precariedade na cobertura por desemprego”, e inciden en que “a gran maioría da cobertura dos desempregados en Galicia é de carácter asistencial, ben sexan de Subsidio, Renda Activa de Inserción ou Programa de Activación de Emprego.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies