Manifestación de bombeiros forestais diante de San Caetano

Medio Rural duplica o gasto en propaganda en véspera de campaña electoral

Mentres os bombeiros forestais sofren recortes e problemas, Medio Rural duplica o gasto en propaganda.

A Consellería de Medio Rural, a través de campañas publicitarias nos grandes medios de comunicación, pretende concienciar sobre os lumes. Nas novas liñas de axudas da Xunta destaca o case 1,1 millóns de euros nunha campaña de publicidade durante os anos 2019 e 2020 para a “promoción da prevención, concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais”.

A licitación desta campaña publicitaria prodúcese nun momento de tensión no sector dos bombeiros forestais e do persoal de Seaga, quen temen “quedar na rúa”, polo que xa realizaron diversas mobilizacións para defender o seu futuro laboral. Ademais, o citado importe supón máis do dobre do que Medio Rural destinou en 2017 para esa mesma campaña, pois daquela foran 450.000 euros en publicidade, mentres que agora son 1.074.380,16 euros.

Traballadores de Seaga, empresa pública de loita contra o lume dependente da Consellería de medio Rural, téñense concentrado ante a Xunta en diversas ocasións para reclamar solucións para o seu futuro, pois denuncian que “os sistemas de puntuación barallados por Función Pública para elaborar as listas do servizo antiincendios, deixan fóra á maioría dos 500 traballadores de Seaga”. Ante a reeestruturación do servizo de loita contra o lume e a incerteza sobre o seu futuro, demandan “respecto para a súa formación de bombeiros forestais”, pois rexeitan ser incluídos nas brigadas de limpeza de franxas de seguridade.

En relación a estas mobilizacións, dende Medio Rural afirman que “respectan o dereito dos traballadores a reclamar, do xeito que consideren oportuno, as melloras na súa situación laboral”.    

A campaña para concienciar sobre os lumes non será a única na que Medio Rural gaste, pois cando menos, destinará outros dous millóns a outras tres campañas para promocionar os produtos galegos con denominación de calidade, o leite galego, e as políticas agrarias e gandeiras conseguidas con fondos europeos.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies