Unha adega rioxana entre as máis beneficiadas das axudas da Xunta de Galicia para os viñedos

Cinco grandes adegas acaparan o 43% das axudas á reestruturación do viñedo na Galiza. A rioxana Ramón Bilbao segue a ser das máis beneficiadas, acumulando máis de 200.000 € en axudas entre as convocatorias de 2017 e 2018.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a resolución das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia o pasado 15 de xaneiro. O Sindicato Labrego Galego fixo unha análise das axudas e indicaron que “temos que concluír que, do mesmo xeito que na pasada convocatoria destas subvencións, son as grandes adegas as grandes beneficiadas en detrimento das pequenas e dos viticultores e viticultoras. De novo, A Rioxa levou un bo anaco do pastel”.

Desta vez, tocaba repartir unha partida de 668.893 € entre as 59 persoas beneficiarias que superaron os requisitos esixidos. Deses cartos, 46.242 € foron caer de novo a Ramón Bilbao (nas axudas da convocatoria pasada xa levara 156.710 €, acaparando o 21% do orzamento destinado a esa fin en 2017), que este ano acadou o terceiro posto no podio das subvencións máis grandes. Entre as axudas á reestruturación de 2017 e 2018, Ramón Bilbao suma 202.952 €. O grupo Ramón Bilbao ten a Adega Mar de Frades, en Rías Baixas.

Seguiulle, no cuarto posto, a empresa Agrogalir (Adegas CVNE da Rioxa, que mercaron en 2017 Virxe de Galir, da DO Valdeorras), con 44.858 €. Con importes máis humildes, tamén recibirán subvención de Medio Rural González Byass (Xérez, Cádiz), con 8.983 €, e Envinate SL (Albacete), con 5.069 €. Todas estas empresas de fóra de Galiza quedaron con case o 16% do orzamento.

Se analizamos os primeiros cinco postos absolutos, en primeiro lugar teriamos Lagar de Fornelos (Rías Baixas), con 105.179 €; en segundo, Terras Gauda (51.159 €, despois dunha axuda o ano pasado de 61.907 €); e tras Ramón Bilbao e CVNE, repite tamén no podio Adegas Campante no quinto posto, con 38.320 € (en 2017, levou 27.451). En total, os cinco primeiros beneficiarios das axudas á reestruturación do sector vinícola na Galiza de 2018 suman 285.758 €, que supoñen case o 43% do orzamento destinado a estas axudas.

As regras do xogo de Medio Rural favorecen a concentración en poucas mans e o abandono

Dende o Sindicato Labrego Galego levan denunciado en reiteradas ocasións este reparto inxusto dos fondos públicos que se está a utilizar para concentrar cada vez máis a produción vitícola en menos mans, favorecéndose o crecemento das adegas máis grandes que, de seguir así, terán cada vez un maior dominio sobre a produción, os prezos da uva, o mercado e o sector.

Pola contra, as regras do xogo que impón Medio Rural condenan os proxectos de menor dimensión a ficar marxinados. E unha boa proba son as bases destas subvencións, moi difíciles de cumprir e custear para as pequenas adegas e os viticultores e viticultoras. Por exemplo, a Consellaría de Medio Rural obrígache a encargar os traballos de nova plantación de viñedo, con independencia da superficie da que se trate, a unha empresa, co cal a cativa subvención á que podes aspirar, cobre unha parte ridícula dos gastos. As grandes adegas, pola contra, con persoal técnico en nómina e grandes sumas de capital para investir, téñeno moito máis doado.

O Sindicato Labrego indicou que “con estas regras do xogo, o abandono no sector vitícola seguirá in crescendo, como até agora, e as grandes empresas do sector acaparando terras e mercados en detrimento dun medio rural vivo con familias traballando e vivindo da terra e na terra”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies