O PP móvese máis á dereita
Aznaristas e marianistas seguen irreconciliables, como se viu esta fin de semana na Convención do PP, pero apoian a Pablo Casado.
A pesares das mensaxes de unidade lanzadas durante a Convención, púxose de manifesto que no seo do Partido Popular hai representados diferentes modos de entender a política, referenciados en dirixentes como Aznar e Rajoy, inda que de cara a fora ambos apoian a Pablo Casado.
Afíns a Soraya chegaron a comentar “agora que todos se fan de Vox, Aznar faise do PP”, pois a petición do expresidente de voto para o PP o sábado foi ben recibida no partido, despois dun tempo nos que Aznar parecía valorar outras opcións da dereita.
Pola súa banda, afíns a Aznar tamén comentaban “o discurso de Rajoy foi un coñazo, pero Aznar estivo colosal. Fai falla ideoloxía, non somos so xestores”.
Dende Génova quixeron buscar a foto da unidade ata o final, pero non foi posible. O sábado, Aznar anunciaba que volvería ao día seguinte para arroupar a Casado na clausura. Rajoy escusouse cun “ese día o único protagonista debe ser Pablo Casado”.
Pola súa banda, Pablo Casado pedía a votantes de Ciudadanos e Vox que regresen “ao PP verdadeiro”. Pechaba a Convención do seu partido facendo un chamamento explícito a todos os votantes que “emigraron” a Ciudadanos e a Vox a regresará “casa común” para impedir así que “unha dispersión do centrodereita permita que socialistas, populistas e independentistas continúen controlando o goberno”.
Xa antes da Convención do PP, o presidente da Xunta, Alberto Núñez feijoo, deixaba aberta a posibilidade de pactar con Vox tamén en Galicia de precisalo.
No seu programa de goberno, Casado recolleu propostas de Ciudadanos e Vox como a aplicación do artigo 155 “sen límite de tempo”, o endurecemento da política sobre inmigración ou cortar o financiamento aos partidos que “atenten contra España”.
Críticas de Sánchez
O presidente do goberno,Pedro Sánchez, acusaba ao PP de querer volver “ao seu peor pasado” e de “fundirse coa ultradereita”, que, segundo afirmou, “lles marca o paso e a folla de ruta”.
Sánchez arremetía contra o PP afirmando que Queren volver atrás” e que “se antes era un partido que chegaba tarde, a rastras e mal” a reformas como o aborto, o divorcio ou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, “agora non queren nin chegar”.