Imaxe: https://www.cig-ensino.gal/

A Consellería de Educación retrasa a publicación das axudas para o fomento do galego

Un ano máis, a Consellería de Educación retrasa a publicación das axudas para o fomento do galego e mantén os recortes de medio millón de euros para o seu financiamento.

A CIG ven de denunciar de que a Consellería de Educación segue sen publicar a orde de axudas para a promoción do galego por parte dos Equipos de Normalización Lingüística correspondente a este curso académico, “un atraso que impide a planificación anticipada e que se poidan materializar moitos proxectos por falta de tempo”.    

A esta demora engádese, aseguran, “que a convocatoria aos proxectos de innovación en normalización aínda se fixo pública o pasado luns 14, polo que os equipos encargados nos centros educativos de fomentar o uso da nosa lingua dificilmente poden planificar con anticipación o traballo que van realizar”.  

Dende a CIG aseguran que dende a chegada de Feijoo á Xunta, “esta partida viuse recortada nun 70%” e cualifican “este desleixo como intencionado por parte da Consellería, que demostra que o fomento do noso idioma non está entre as súas prioridades, senón máis ben todo o contrario, a tenor destes atrasos e do mantemento da redución dos fondos, pois adicanse 10.000 euros a cinco proxectos de innovación na área de normalización lingüística, fronte aos 27.500 que se adicaron no curso 2009/2010, ao tempo que tamén reducen as axudas de fomento da lingua”.   

Dende o sindicato instan ao departamento de Educación a “convocar canto antes estas axudas, que xa deberían saír en novembro, e a incrementar a dotación para todo o referente á promoción da nosa lingua no sistema educativo, alicerce fundamental para asegurármonos o seu futuro na sociedade”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies