Imaxe: Twitter Ministerio de Hacienda

Volve baixar o orzamento do Estado para Galicia en 2019

Galicia é unha das seis Comunidades Autónomas que perde investimento no proxecto de Orzamentos do Estado para 2019 mentres os fondos destinados a Cataluña crecen un 51% e a Andalucía un 43%.

O pasado luns, o executivo de Pedro Sánchez presentaba na Cámara baixa as súas contas para este 2019, contas que reducen o investimento para Galicia un 19%, ata os 757 millóns, perdendo 182 millóns respecto o pasado ano. O investimento para Galicia representa so o 6,2% do total, cando nas contas de 2018 elevábase ao 9,1%.

A ausencia de proxectos novos coa mesma magnitude económica que o AVE fai que no proxecto entregado pola ministra María Jesús Montero ao Congreso, o investimento galego pase a ser o sexto maior do Estado, mentres que en 2017 era o quinto. 

Inda que Fomento aposta por actuacións d conservación para que a rede viaria estatal en Galicia se recupere dos anos nos que se descoidou o seu mantemento, non se impulsan os proxectos que están en marcha con máis diñeiro e non aflora ningún novo que se vexa como unha aposta da nova cúpula dirixente do Ministerio.

Sobre a aprobación definitiva dos mesmos, deberanse concretar os apoios que precisa de Unidos Podemos e confluencias, así como dos grupos cataláns e vascos.

A proximidade do remate do AVE fai, por cuarto ano consecutivo, que os investimentos totais para Galicia volvan caer, chegando ao que supón unha terceira parte do que se chegou a orzamentar fai unha década, cando máis da metade dos mesmos ían destinados á alta velocidade. A alta velocidade non depende dos apoios que o PSOE chegue a acadar, ao contrario do que sucede co resto de proxectos.

Valoracións dos partidos

O BNG, a través da súa conta de Twitter aseguraba que “os PGE2019 poñen en evidencia dúas cousas: O #PactoSenGaliza de PSOE e Unidos Podemos deixan os investimentos en Galiza á altura dos que había hai 16 anos; nótase a ausencia do BNG no Congreso. Os partidos españois discriminan Galiza”.  

O Partido Popular, pola súa banda, aproveitaba a ocasión para crear crispación con Cataluña e, tamén en Twitter, afirmaba que “a media das inversións do Goberno en Galicia cando o PP gobernaba con maioría absoluta nas Cortes xerais rondaba o 13% do total estatal. Agora, cun goberno socialista, baixa a menos da metade. Xa sabemos o que custa un ano máis de Pedro Sánchez en Moncloa”. Celso Delgado, o deputado popular no Congreso, espetaba que “Pedro Sánchez emprega os cartos dos galegos para comprarlle a Torra un ano máis na Moncloa”.

Segundo fontes consultadas, os orzamentos do Estado en Galicia co Partido Popular eran exactamente os mesmos que os do PSOE, diferenciandose unicamente en que antes as obras do AVE precisaban máis cartos e agora, con tramos xa rematados, o orzamento baixa. O que se mantén é que tanto o PP antes como o PSOE agora maquillan as cifras de inversión coas destas obras, cando o que se deduce dos orzamentos é que, fora da alta velocidade, as inversións en Galicia brillan pola súa ausencia, tanto nestes como nos anteriores orzamentos aprobados polo PP de Rajoy.  

A voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, valorou negativamente a caída do investimento en Galicia, calificandoa como “un golpe na cara a Feijoo e que castiga a Galicia enteira”. “É absolutamente decepcionante”, asegurou, engadindo que “faltan moitas propostas que En Marea presentou coa Axenda Galega do Cambio. Estamos mopi lonxe destes orzamentos, facemos un chamamento ao PSdeG porque Galicia ten problemas gravísimos que deben ser solventados”. 

Debe En Marea votar a favor dos orzamentos do Estado?

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies