Esixen ao Sergas a cobertura inmediata do servizo de pediatría na Mariña lucense
O BNG de Mondoñedo e as agrupacións locais do PSOE dos tres municipios da Mariña Lucense (o mindoniense, Lourenzá e Barreiros), súmanse ás voces que demandan a cobertura inmediata e permanente do servizo de pediatría.
O voceiro do BNG en Mondoñedo, Eloi Cabanas, asegura que “322 nenos pertencen ao centro de saúde” e trala ausencia da especialista, “non son atendidos por persoal pediátrico salvo casos de gravidade”, pois segundo referiu, a pediatra titular do centro de saúde de Mondoñedo “limita a súa actividade no ambulatorio a tres horas os luns, mércores, xoves e venres toda a mañá, o que provoca que moitas veces as nais e pais deban trasladarse a outra localidade ou ao Hospital Público da Mariña”.
Cabanas esixiu á alcaldesa de Mondoñedo “que faga valer o seu peso político ante o goberno da Xunta, se de verdade ten, para garantir o servizo de pediatría de forma permanente nos concellos afectados”.
Pola súa banda, os grupos municipais socialistas explicaron a través dun comunicado conxunto que “apoian sen fisuras ás 800 familias destes tres concellos que se vén afectadas pola precariedade no servizo de pediatría que comparten”, informando que levarán o tema aos plenos, agardando “o apoio unánime das corporacións para conxuntamente reclamar á Xunta que reforce o servizo de pediatría e o adapte ás necesidades das familias”, recriminando que, “segundo o censo de 2017, nos tres concellos hai 763 nenos de 0 a 14 anos, o que supón un intenso volume de traballo” conlevando “retrasos de máis de dous meses para vacinarse de enfermidades establecidas no calendario obrigatorio”.