Imaxe: http://www.pp.es/

Feijoo xa fala de pactos con Vox

Feijoo amosouse aberto á posibilidade de pactar coa formación de extrema dereita para “botar do poder a socialistas e populistas”.

Nunha entrevista na Cope, o presidente da Xunta, cuestionado sobre o acordo subscrito polo PP; Ciudadanos e Vox en Andalucía, afirmou que “no caso de que, gañando as eleccións xerais necesitaramos socios para gobernar, creo que o PP ten a obriga de establecer un goberno distinto ao PSOE, a Podemos e aos independentistas”.

Feijoo amosouse a favor do documento subscrito polo PP en Andalucía, asegurando “nos temos que ter a firmeza para dicir que non cando non estamos de acordo e a firmeza para dicir que si cando estamos de acordo”. Explicou que “se a Vox o que lle interesa é que non goberne o socialismo, o populismo, pois é evidente que podemos coincidir, a condición de que nós non teñamos que renunciar aos nosos principios e ás nosas formulacións”.    

Feijoo recomenda aos populares “non poñerse nerviosos e seguir apontoando un partido de maiorías, onde cabe xente que se autodenomina de dereitas, conservadora, centralista, liberal”.  

Pola súa banda, os representantes de Vox en Galicia dan por feito que presentarán listas aos comicios locais en “todas as cidades de Galicia e en moitas das vilas intermedias”, segundo informou José Luís González, voceiro da organización en Ourense, cidade na que hoxe teñen un mitin, que asegurou que “estaremos nas municipais onde consigamos formar equipos de traballo con garantías e con vocación de representación dos cidadáns, que compartan os valores morais de Vox, porque somos un partido moralista e co concepto moi claro do que queremos da política”.    

Manuel Gil, promotor de Vox en Vigo asegurou que “o PP é o noso maior aportador de votos”, insistindo, de cara as autonómicas en que “o PP e Feijoo dependenrán de Vox”.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies