Imaxe: Twitter Sindicato Labrego

Granxas de Agolada temen quedar un ano máis sen bonificación do IBI pola excesiva burocracia

En 2018 a maioría das granxas agolenses que podían solicitar a bonificación no IBI dos inmobles agrarios quedaron sen axuda e este ano moitos temen que poida pasar o mesmo.

Trala experiencia do ano pasado, as granxas solicitantes prepararon con suficiente antelación todos os documentos esixidos para tramitar a axuda en prazo. O procedemento non é nada doado, por iso, moitas granxas que podían beneficiarse da bonificación, especialmente aquelas rexentadas por persoas maiores, optaron por renunciar a facer a solicitude.

As granxas que si fixeron a solicitude atopáronse coa comunicación, a semana pasada de que, das trinta que pediran a bonificación, so tres achegaran a documentación completa. Ao cuestionar que documento faltaba, díxoselles que o certificado para acreditar a actividade agraria debía ser “o oficial da Xunta e ter o código de verificación para evitar falsificacións”.  

Os afectados ven desconcertante que os documentos acreditativos da actividade agraria que se usan habitualmente, como o censo de explotación da Oficina Agraria Virtual ou a Carta de Saneamento, non sirvan no Concello de Agolada, pois en Lalín e Silleda hai axudas semellantes e non piden ese certificado.

Ao do aumento innecesario da burocracia súmaselle outro problema, pois no concello lles deron un prazo insuficiente para aportalo, pois o documento solicitado, en circunstancias normais tarda entre unha semana e quince días en ser expedido, moito máis tempo do que lles deron no Concello.  

Dende o Sindicato Labrego Galego mantiveron unha conversa telefónica co alcalde de Agolada, quen lles garantiu que dende o Concello van xestionar directamente coa Xunta para que lles envíen estes certificados en prazo. Agardan dende o SLG que cumpra coa súa palabra e non quede fóra ningunha das granxas que solicitaron a bonificación do IBI e que, para o ano que vén, o Concello de Agolada se ateña á Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, que di no artigo 28.2 que “os interesados teñen dereito a non aportar documentos que se atopen en poder da administración actuante (neste caso o concello) ou que fosen elaborados por calquera outra administración (neste caso a Consellería do Medio Rural)”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies