Lidia Senra reclama na Comisión Europea solución para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa vivenda.

Senra ven de denunciar na Comisión Europea que unha muller de Abeledo, en cadeira de rodas, leva dende 2013 sen poder entrar e saír da súa vivenda pola subida de nivel da pista de diante.

A europedutada Lidia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas denunciou na Comisión Europea a situación de falta de accesibilidade á súa vivenda que leva padecendo dende fai moitos anos unha veciña de Abeledo (Abadín, Lugo), que ten recoñecido un grao de discapacidade do 84% e mobilidade reducida, o que a obriga a empregar sempre cadeira de rodas para desprazarse.   

Como denuncia nun escrito, “a pista que pasa por diante da vivenda desta veciña foi asfaltada en numerosas ocasións, o que provocou unha constante subida no nivel da estrada, estando hoxe por riba dos 12 centímetros do nivel da entrada da súa casa, o que lle impide o acceso sen axuda”.  

Despois destes anos, segue sen recibir respostas nin solucións, tanto por parte do Concello como da Valedora do Pobo e da Xunta.  

Lidia Senra preguntou á Comisión Europea se non consideran que “esta situación vulnera os compromisos da Estratexia Europea sobre Discapacidade 2010-2020” e se pensan tomar medidas ao respecto.

Senra lembrou que o artigo 1 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE recolle que “a dignidade humana é inviolable. Será respectada e protexida” e que o artigo 26 establece que “a Unión recoñece e respecta o dereito das persoas discapacitadas a beneficiarse de medidas que garantan a súa autonomía, a súa integración social e profesional e a súa participación na vida da comunidade”. O artigo 21 de dita Carta prohibe toda discriminación por razón de discapacidade, polo que asegura a eurodeputada “creo que é obvio que se están a incumprir estes dereitos e que se debe corrixir sen máis demora a situación e pedir desculpas”, reclamando que as institucións galegas cumpran os compromisos da Estratexia Europea sobre Discapacidade 2010-2020, pois para ela “estamos ante un claro caso de violencia institucional e maltrato contra unha muller con discapacidade no rural”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies