Imaxe: Twitter Concello de Ourense

Dimite José Araújo, voceiro do PP no Concello de Ourense

José Araújo anunciaba onte que deixa todas as súas competencias no goberno local de Ourense, así como o partido, mentres o seu nome soa como candidato de Ciudadanos nas eleccións de maio.

O voceiro do goberno local de Ourense e concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente, José Araújo, renunciaba onte a todas as súas competencias na corporación municipal, deixando tamén a militancia no Partido Popular.

Na súa comparecencia ante os medios, manifestou o seu descontento coa dinámica municipal, afirmando que “goberno e corporación non cumpren coas expectativas da cidade”, pois asegurou que “un goberno non pode funcionar a base de selfies nin a base de insultos”, remarcando en Radio Ourense que esa “política de selfies non é so atribuíble ao alcalde, tamén á oposición”, á que acusa de “buscar nas alcantarillas a herba, a rata, o adoquín roto, en lugar de aproveitar a súa maioría para impoñer ao goberno cuestións como o Plan Xeral de Ordenación Municipal”.   

Araújo recoñeceu ter conversas con outras forzas políticas, nomeando de forma expresa unicamente a Ciudadanos, afirmando que “o que me prantexo agora é reflexionar se me aparto da vida municipal ou continuo. Ábrese unha porta nova, cunha independencia que non tiña, espero que nun par de semanas saiba o que facer, pero os tempos os marco eu”.

Inda que non está nada fechado, en Ciudadanos verían con bos ollos a fichaxe, pois o secretario de organización da formación en Galicia destacou que Araújo é “unha persoa moi coherente e comprometida, e coñecida socialmente en Ourense”.  

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, pola súa banda, dixo que “é unha decisión persoal” que respecta, inda que recoñeceu que o colleu por sorpresa, pois enterouse na mañá de onte, cando Araújo lle trasladou que era unha determinación “de carácter inmediato e non reversible”. Cuestionado pola repercusión de se decide fichar por outro partido, Vázquez indicou que “podería ser unha opción para abrir vías de negociación e diálogo”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies