Imaxe: Facebook CEESG

Mobilizacións do Colexio de Educadores/as Sociais ata ser recibidos pola Consellería de Política Social

A través dun comunicado, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) anuncia mobilizacións ata ser recibidos pola Consellería de Política Social.

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, que agrupa a profesionais da Educación Social, ven de manifestar a súa indignación ante o feito de “termos solicitado cita coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia en outubro de 2018, téndose reiterado a petición no pasado mes de marzo, e continuamos esperando a ser recibidas”, polo que aseguran que “tanto a actual titular da Consellería como o anterior, tras meses de espera, delegan a atención ao noso Colexio en algunha Dirección Xeral”.

Lamentan tamén que se estean a negociar as bases dos procedementos selectivos de Educador/a das OPE de 2017 e de 2018 da Xunta, que lles afectan directamente, ao haber prazas de Educadoras/es de novo ingreso, “sen contar co CEESG como entidade interlocutora a ter en conta” pois entenden que a falta de resposta por parte da Consellería de Política Social “cronificará a nosa situación na Administración autonómica”, polo que denuncian “a situación de vulnerabilidade dos dereitos e deberes das profesionais da Educación Social na administración pública”.    

Reclaman que se cree “unha especialidade, dentro da Escala de Técnicos Facultativos dos Servizos Sociais na Lei de Emprego Público de Galicia, coa denominación de “Educador/a Social”, que sirva de exemplo para as demais administracións públicas”.

Por último, anuncian mobilizacións “ata ser recibidas pola Consellería de Política Social”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies