Imaxe: Twitter Compostela Aberta

A Xunta busca o apagón musical de Compostela levando aos xulgados a recuperación da música ao vivo nos locais

A Xunta de Galicia ven de denunciar ante os xulgados a Ordenanza municipal de Ruídos, aprobada por Compostela Aberta, que favorecía as actuacións musicais ao vivo nos bares da cidade.

A Lei de Espectáculos de Galicia, aprobada no Parlamento Galego exclusivamente cos votos do PP, conta cun carácter eminentemente prohibicionista e limita os concerto nos locais. Fronte ao apagón musical decretado pola Xunta de Galicia, o Concello de Santiago optou por adaptar a normativa autonómica co obxectivo de ofrecer unha maior seguridade xurídica as actuacións de música ao vivo nos locais da cidade.

A corporación municipal dera o visto bo definitivo á modificación da Ordenanza de Ruídos no mes de novembro de 2018 cos votos a favor de Compostela Aberta e BNG, a abstención do PSOE e o voto en contra do PP. A flexibilización da ordenanza favorecía as actuacións musicais nos bares sempre que estes cumpriran determinadas condicións establecidas, posibilitando con carácter xeral que os locais de ocio puideran ter música ao vivo sen medo a importantes sancións económicas. Agora a Xunta, sen previa comunicación, leva aos xulgados esa ordenanza municipal, feito que provocou estupor e indignación no goberno compostelán.  

Dende o goberno municipal cualifican esta actuación como “outro ataque do PP para silenciar a cultura libre de Compostela”. Branca Novoyra, edil de Acción cultural da cidade, recoñeceu descoñecer o recurso presentado pola Xunta, asegurando que “en ningún momento houbo unha interlocución” entre a Administración autonómica e o seu departamento e indicando que “aprobamos unha normativa de ruídos que posibilita combinar o dereito á cultura co dereito ao descanso na nosa cidade. Consideramos unha afrenta e unha deslealdade institucional buscar exclusivamente a vía da xudicialización”.

O alcalde de Compostela, Martiño Noriega aseguraba que “a música é un sinal de identidade desta Compostela cultural. Está regulada por unha lei autonómica dende o ano 2018 e complementada cunha ordenanza municipal a instancia da propia Xunta”. Indicou tamén que apostan pola música ao vivo “porque apostamos pola nosa cultura. Apostamos por un potencial da nosa cidade que todo o mundo recoñece. Por iso estamos moi molestos coa maneira de actuar da Xunta. A lealdade institucional enténdese dende o consenso e o diálogo, non dende a submisión”. Para o goberno compostelán, “a Xunta actúa con sesgo partidario cando, sen previo aviso, denuncia a ordenanza aprobada de maneira definitiva polo Concello e que está a regular a música, no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Faino por un interese electoral, e nos traballamos pola música ao vivo da cidade porque entendemos que é fundamental, un sinal de identidade e é imprescindible para a capital do país”.

Conclúen aseverando “defendemos o dereito á cultura na cidade e a Xunta vainos ter en fronte”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies