Imaxe: Twitter Concello da Coruña

Críticas á TVG por non emitir a Gala dos Premios de Teatro María Casares

A Gala dos Premios de Teatro María Casares retransmitiuse por streaming a través dunha canle de Youtube, pois non se emitiu na TVG.

Un total de doce montaxes disputábanse os galardóns do teatro galego nos XXIII Premios de Teatro María Casares, gala celebrada onte no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña e retransmitida en streaming dende unha canle de Youtube á que se podía acceder tamén dende a web do Concello da Coruña.     

“Commedia”, de Contraproducións e “Invisibles”, de Redrum Teatro, foron as máis galardoadas. O Premio de Honra foi para as Aulas de Teatro Universitario de Santiago e Ourense. “Anatomía dunha serea”, de Iria Pinheiro, “O servidor de dous amos” de Talía Teatro; e “Casa O Rei”, de Ibuprofeno, conseguiron dous premios. “Divinas Palabras Revolution”, do Centro Dramático Galego e “Patapatúm”, de Elefante Elegante, lograron un premio.

A gala non foi retransmitida pola TVG, por primeira vez en toda a historia dos Premios, por decisión da organización ante a negativa do ente público, segundo a organización, “de negociar unha mellora na retransmisión”. Así o explicou Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, argumentando que “a intención da asociación era que se emitise nun horario razoable e na primeira canle do ente público galego”. “Nós somos os rostros, as voces, o talento nunha palabra, do audiovisual galego”, reivindicou no seu discurso para lamentar que non se atendesen as súas demandas a este respecto. Salientou tamén que “a resposta por parte da canle pública non estivo nunca á altura desta contribución, e non só no tocante ao teatro senón a todo o panorama cultural de Galicia na súa diversidade, na súa calidade, na súa creatividade, na súa profesionalidade, nas diferentes manifestacións que enriquecen a vida cultural, a intelixencia e o espírito crítico da xente do país, e que a canle pública ten a obriga de ofrecer en toda a súa amplitude”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies