Hospital Álvaro Cunqueiro visto dende Valadares // Imaxe: https://commons.wikimedia.org/wiki/User:Vivaelcelta

Denuncian a eliminación do galego no Hospital Álvaro Cunqueiro

A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) denuncia o proceso de eliminación do idioma galego que está realizando a Consellería de Sanidade no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Dende ISAGA, organización que ten por obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito sanitario, aseguran que “non estaría moi satisfeito Álvaro Cunqueiro se observase o que sucede coa lingua galega no hospital que leva o seu nome”, pois segundo refiren, o galego está desaparecendo en varios ámbitos do hospital: no aparcadoiro, onde o sistema mecanizado emprega o castelán, nos ascensores, e mesmo están exclusivamente en castelán os impresos para as citas e consultas que expiden as máquinas ou os resultados analíticos.   

Tamén afean que “o persoal que atende e informa aos usuarios nos mostradores emprega sempre o castelán, inda que se dirixan a eles en galego” e aseguran que “a historia clínica e a prescrición electrónica están programadas para empregar de xeito preferente o castelán e non o galego”.

Resposta da Valedora do Pobo

O organismo de defensa dos dereitos da cidadanía, en vez de reclamar á Consellería de Sanidade o cumprimento das normas e o respecto ás leis, emprega argumentos exculpatorios como que “o aparcadoiro está xestionado por unha empresa privada, o software das máquinas é instalado polo fabricante no idioma que el elixe ou que as analíticas están feitas por unha empresa multinacional”. 

Ante esta situación, dende ISAGA ven “bochornoso e inxustificable que unha institución creada para a defensa do cidadán e dos seus dereitos actúe con esta complicidade coa Xerencia do hospital e a Consellería de Sanidade, que vulneran claramente a Lei de Normalización Lingüística”.   

Isto non so acontece no Hospital Álvaro Cunqueiro, senón que, para ISAGA, “todo o sistema sanitario galego está a padecer un progresivo descenso no uso do noso idioma na práctica asistencial”, polo que reclaman á Xunta “que impulse e potencie o idioma propio na súa rede sanitaria e que a Valedora rectifique e actúe con firmeza”. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies