Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano // Imaxe: http://www.cig.gal

A CIG estuda denunciar as comisións de servizo que incumpren a Lei do emprego público de Galicia

Dende a CIG detectaron persoal que leva máis de oito anos en comisións de servizo, sen cambio de posto ou con intercambio de prazas, saltándose as normas, polo que dende a asesoría xurídica do sindicato valoran interpoñer denuncia xudicial para frear ese abuso por parte das consellerías, co consentimento de Función Pública.

Coa mesma base xurídica empregada para as 150 comisións de servizo que foron anuladas no concello da Coruña trala denuncia da CIG, o sindicato está estudando levar aos xulgados á Xunta “para poñerlle coto a esta falcatruada promovida polas distintas consellerías e consentida pola Dirección Xeral de Función Pública”. 

Aseguran que tan so no 2018, contabilizadas pola CIG, producíronse sobre 350 comisións ilegais en tempo e forma, o que consideran “un auténtico escándalo”, pois “o feito de ter prazas en comisión evidencia o agochamento de prazas vacantes nos concursos de traslados”. Denuncian tamén que “a falta de concurso de traslados forza unha situación inxusta que fai que o persoal teña a comisión de servizos como única alternativa para o achegamento ao fogar, unha mellor conciliación ou unha mellora retributiva”. 

Para a CIG cómpre convocar estes procedementos ordinarios de provisión de postos de traballo, “ofertando a totalidade de todas as vacantes, como mellor sistema para producir a limpeza das comisións de servizo” e defenden que no Decreto de mobilidade de postos de traballo que se está a negociar “se introduzan cambios que establezan criterios para a concesión de comisións de servizo, un tempo máximo nesa situación, que force a rotación entre todas as persoas solicitantes, etc.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies