Imaxe: https://enmarea.gal/

A cúpula de Podemos quere que Villares deixe a voceiría se perde as eleccións internas

Entrevistada no Galicia por Diante Fin de Semana, Luca Chao, a deputada de En Marea e secretaria de Municipalismos de Podemos, aludía a cuestións internas de En Marea como o plenario ou as eleccións ao Consello das Mareas, volvendo a colocar enriba da mesa temas xa debatidos pola formación como o do modelo de voceirías.

Luca Chao asegurou que “calquera fórmula que recolla a pluralidade é interesante”, argumentando que o modelo rotatorio de voceirías emprégase no Grupo do Congreso, e que “a coralidade é un valor que nos ten que diferenciar dos partidos tradicionais”. Para a deputada, “En Marea somos moitas persoas distintas, con moitas sensibilidades distintas e debemos tomar isto como unha riqueza, algo que nos fai conectar cun sector máis amplo da sociedade” polo que aseguraba “se iso implica voceirías corais, por que non facelo?”. 

Volveu repetir na entrevista que se ela fose Luís Villares deixaría a voceiría e enfatizou en diversas ocasións o feito de que “as decisións das inscritas teñen que ter consecuencias políticas”. Luca Chao opinara o contrario cando En Marea realizou a consulta sobre a continuidade como deputada de Paula Quinteiro polo escándalo dos retrovisores.

Cuestionada sobre as eleccións municipais, asegurou que Podemos concorrerá a elas en coalición coas forzas do cambio, debatindo e chegando a acordos con elas, con xuntanzas e contactos, como xa comezaron a facer en varias cidades. Sobre a situación de Ferrol, asegurou que “para nos, a marea de Ferrol é a que goberna esa cidade, e apoiaremos a Jorge Suárez”.

Portavocías

O debate sobre o modelo de voceiría parlamentar xa se dera na primeira elección do Consello das mareas, o pasado ano, onde Luís Villares chegara a afirmar que “se En Marea non é máis que a polémica da voceiría é que non hai proxecto”. 

Nunha entrevista concedida daquela ao Faro de Vigo, Villares explicara que “os estatutos de Vigo non establecen un sistema concreto. Pretendeuse establecer un réxime no plenario de decembro cunha emenda que defendía a incompatibilidade entre o voceiro parlamentar e o orgánico e foi rexeitada polo 90% do plenario. Había vontade clara de non establecer esa limitación”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies