Gómez-Reino: ‘o habitual é que Podemos decida quen debe representarnos’
Nunha entrevista publicada no Faro de Vigo, Antón Gómez-Reino, o secretario xeral de Podemos Galicia e voceiro de En Marea no Congreso, volvía a poñer á formación morada no centro do espazo do cambio, desmarcándose de novo do voceiro de En Marea, Luís Villares.
Gómez-Reino propón “reformular En Marea para que os partidos se sintan máis cómodos”, e en resposta a unha cuestión relativa ás declaracións de Luís Villares onde aseguraba que “En Marea non será un satélite de Podemos”, Gómez-Reino chega a dicir, falando sobre as eleccións europeas, que “o habitual é que Podemos decida quen debe representarnos e logo ver como chegar a acordos”.
O secretario xeral da formación morada en Galicia asegura que “temos que buscar unha fórmula que consiga sumar máis xente e que os partidos e as mareas estean, e estean de forma cómoda”, afirmando que de cara ás eleccións internas para o Consello das Mareas, “Podemos ten que aportar cadros políticos e orgánicos” nese Consello.
Cuestionado sobre se en 2020 se ve nunhas primarias para a Presidencia da Xunta, Gómez-Reino resposta “hai que ir pouco a pouco, pero conseguiremos o mellor candidato para desprazar a Feijoo”. Sobre se ese candidato será Luís Villares, responde evasivamente cun “decidirano os inscritos”.