Levantada a suspensión temporal da votación en En Marea

A Comisión de Ética e Garantías levantaba onte a suspensión temporal do proceso de votación ao Consello das Mareas   

En rolda de prensa, a Comisión de Garantías de En Marea anunciaba que “se dan as condicións de seguridade con plenas garantías para levar a cabo a votación”, despois de subsanar todas e cada unha das cuestións que xeraran a paralización temporal do proceso de votacións e realizar un simulacro de votación no que participaron membros da Comisión de Garantías, da dirección, do Comité Electoral e das candidaturas concorrentes, tralo cal, “ningunha das partes implicadas” trasladou reclamacións respecto ao novo sistema de votacións.   

A decisión de levantar a suspensión foi acordada pola Comisión de Garantías por tres votos a favor e un en contra, alegando este “disconformidade coa extralimitación de funcións”.

Tralo levantamento da suspensión por parte da Comisión de Garantías, o Comité Electoral acordaba que “os horarios de votación serán de 09:00h do sábado 22 de decembro ata as 09:00h do luns 24 de decembro, segundo así un procedemento análogo ao xa aprobado con anterioridade por este Comité”.   

Comunicados dos partidos

Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia emitían senllos comunicados criticando duramente á coordinadora e en especial, a Luís Villares.

Anova responsabiliza á coordinadora e cualifica de “estado de excepción” todo o proceso, esixindo “que o Comité Electoral saído do plenario do 27 de outubro recupere as súas funcións, que os recursos materiais de En Marea se poñan ao servizo do Comité Electoral, que as inscritas coñezan o contido das auditorías e verificación de transparencia e de limpeza do censo”.  

Esquerda Unida tamén expresou o seu apoio “aos membros do Comité Electoral calumniados e acusados publicamente pola dirección” mentres insisten en que “actualmente continúa sen existir a documentación escrita que xustifique as graves acusacións sobre esas persoas”. Avanzaron tamén que estudan “emprender as medidas legais que correspondan para defender a honra e os dereitos de todas as inscritas en En Marea que actualmente están a ser vulnerados pola actuación irresponsable e arbitraria dunha dirección en funcións”.

Podemos Galicia, pola súa banda, “esixe que se restauren os mínimos democráticos en En Marea como paso imprescindible para a participación en calquera procedemento electoral ou orgánico”.

O responsable legal de En Marea pide seriedade

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Gonzalo Rodríguez, aseguraba, en relación ás persoas do Comité Electoral suspendidas que “o feito de que non acaten as decisións dos órganos de En marea cualifica a súa actuación”.    

En relación á data de votación, expuxo que “mentres hai persoas que dan conferencias de prensa, a coordinadora, por mandato do consello, seguiu traballando e o resto de membros do Comité Electoral seguiron traballando dilixente e discretamente, e a Comisión de Garantías tamén”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies