O alcalde de O Pino tacha de pataleta o informe de ICOMOS sobre a mina

No último pleno ordinario do ano celebrado onte no Concello de O Pino, Manuel Taboada calificaba de “pataleta” o informe técnico de ICOMOS, o organismo asesor da UNESCO, sobre a afección da mina de Touro e O Pino sobre o Camiño de Santiago.

A través dun comunicado remitido pola Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON, informan que durante o último pleno ordinario do ano, no que os grupos da oposición (PSOE e BNG), presentaban conxuntamente unha moción solicitando a presentación de novas alegacións ao proxecto mineiro de cobre a ceo aberto tras coñecer os novos informes e documentos presentados pola promotora e o informe de ICOMOS sobre a afección da mina ao Camiño de Santiago como patrimonio mundial da UNESCO.  

Segundo refiren, o alcalde, Manuel Taboada, informaba de que “a Xunta non remitira nova documentación ao concello, pero unha vez recibida, estudaríase e faríanse as achegas convintes”, ao tempo que, en relación ao informe técnico do Comité Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), “demostrou o seu total descoñecemento do mesmo, argumentando que parece que ICOMOS ven cunha pataleta, dicindo agora o que non dixo antes”.     

Dende a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON amósanse preocupados, pois refiren, “todo parece indicar que desde a Corporación Municipal nada se vai facer por protexer este ben patrimonio da humanidade que é, ademais, parte fundamental do tecido socioeconómico do municipio”.  

Dende a Plataforma Veciñal xa entregaron as súas alegacións, asegurando que “a información aportada pola empresa evidencia que o proxecto non sufriu cambio substantivo, e seguen sen aportar toda a documentación requerida pola Administración. As eivas do Proxecto Touro seguen sendo as mesmas, polo que aínda teñen vixencia as declaracións do pasado mes de xullo do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nas que recoñecía que o proxecto tal como está presentado, non é viable”.

https://drive.google.com/file/d/1kNK9xqtyswM68KvU9ogiPnQJTc9-vp2z/view?fbclid=IwAR0YgEok42xSvmw_8bIMthfoB73_weUxvGckJDiCP0FkaaMedhie0UaRiY

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies