O desastre da mina de Touro podería ser tres veces maior que o de Brumadinho en Brasil

Dende a Asociación Aldea Viva denuncian os perigos das balsas da mina de Touro, advertindo que o desastre podería ser tres veces maior que o de Brumadinho en Brasil.

A balsa mineira proxectada a escasos metros das vivendas na aldea de Arinteiro tería unha capacidade máxima duns 50 millóns de metros cúbicos de lodos. Estas cifras extráense do proxecto presentado por Cobre San Rafael, que ademais cualifica o risco de rotura como moi alto seguindo as directrices da asociación de presas de Canadá. Nese mesmo documento cífrase o posible número de perdas humanas entre 10 e 100.  

A Asociación Aldea Viva xa alertara no seu momento “da enorme perigosidade que suporía construír unha balsa de tales dimensións, con máis de 3 km de lonxitude e 50 metros de alto, ó lado de núcleos de poboación”.

Os datos ofrecidos por axencias internacionais como Reuters falan dun total de 13 millóns de metros cúbicos vertidos trala rotura das balsas mineiras no Brasil, unha cifra moi inferior á capacidade total da balsa de Arinteiro.

A multinacional mineira responsable da catástrofe en Brasil alardea na súa páxina web da súa responsabilidade social corporativa, facendo especial fincapé na sostibilidade e no coidado do medio ambiente. Ao igual que a mineira de Touro, presume de xeito frecuente de facer “minería moderna do século XXI”.

Para Aldea Viva, este é u exemplo do mal facer destas empresas, que esconden con publicidade enganosa as súas prácticas de abaratamentos de custes e maximización de beneficios en detrimento da seguridade.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies