Imaxe: Twitter Cristina Cifuentes

Cifuentes decide non declarar na comisión do “caso Máster”

A expresidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, rexeita declarar na comisión de universidades sobre o caso Máster.

Cifuentes acollíase onte ao seu dereito de defensa para non declarar ante os voceiros da comisión de investigación de universidades do Parlamento madrileño, onde estaba citada como única comparecente á sesión desta comisión, que investiga as presuntas irregularidades producidas no Instituto de Derecho Público de la Universidad Rey Juan Carlos (URJC), onde obtivera o máster.  

Atendendo ao consello da súa avogada, Cifuentes alegou que “o caso está en sede xudicial”, onde asegurou que deu resposta a todas as preguntas. Ao considerar que “todo canto puidera manifestar ante esta comisión de investigación entraría en conflito co dereito de defensa, tutela xudicial efectiva e proceso de garantías”, declinou “efectuar declaración algunha” nin respostar a ningunha das preguntas dos voceiros.   

Esta citación tivo lugar despois de que a Fiscalía solicitara unha pena de tres anos e tres meses de prisión para ela por un delito de falsidade documental ao considerala indutora da falsificación da acta que acreditaba que defendera o traballo de fin de máster, algo que non ocorreu.  

Mentres Ciudadanos cualificaba como “triste” o silencio de Cristina Cifuentes e o PSOE o tildaba de “lamentable”, dende Podemos consideraban que este órgano “pechaba en falso o caso” ao non producirse a comparecencia de Pablo Casado, o presidente nacional do PP.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies