As persoas e o medio ambiente no centro das políticas no Día da Terra
No Día da Terra, Amigos da Terra aposta por que o medio ambiente irrompa nos programas electorais, reclamando medidas máis eficaces para frear o deterioro ambiental e social.
Dende Amigos da Terra, co gallo do Día da Terra (22 de abril), reclaman aos representantes políticos que estean á altura da crise climática e ambiental á que se enfronta a humanidade e actúen en consecuencia.
Tras décadas desempeñando un papel marxinal na vida pública, os problemas ambientais empezan a gañar peso e a ocupar un lugar nos programas electorais. “A xente cada vez é máis consciente destes problemas que poñen en xaque a vida de todos os seres vivos na Terra”, aseguran dende o colectivo.
A mobilización da sociedade civil, o movemento histórico “Fridays for Future”, os activistas máis novos que non frean no seu empeño para que se tomen medidas reais contra o cambio climático, ou o rexeitamento masivo ao uso desmedido de plásticos, foron detonantes para que por fin estas preocupacións sociais salten aos medios de comunicación e se vexan reflectidas nos programas electorais.
“Agora que a crise ambiental estalou nas pantallas dos nosos televisores e dispositivos móbiles, é cando tamén ocupa un lugar nos programas dos partidos políticos. O posible obxectivo? “ reverdecerse e caer en graza aos seus electores”, sinalan dende a organización ecoloxista.
Desde Amigos da Terra esixen aos partidos que transformen as súas palabras en feitos e que aposten decididamente polo medio ambiente e as persoas. A pesar da importancia que se lle empeza a dar, as medidas sobre a mesa seguen quedando curtas, se se ateñen á urxencia planetaria que vivimos.
É necesario que España se comprometa co tratado vinculante de dereitos humanos e empresas que se debate na ONU. Amigos da Terra sinala que os líderes políticos non poden seguir xogando nunha realidade paralela, e que é crucial que comprendan que o medio ambiente e as persoas teñen que estar no centro de todas as decisións políticas.
No #DiadaTerra as persoas e o medio ambiente no centro das políticas https://t.co/ZfAvZYODNI
— Amigos da Terra (@adtgalicia) April 22, 2019