A CIG ve incompleta a proposta do Ministerio para modificar a LOMCE

A CIG-Ensino recollerá achegas do profesorado ante o documento do Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) que pretende sentar as bases dunha nova lei educativa.

O sindicato valora positivamente que “os puntos que pretende modificar o MEFP coincidan coas principais denuncias que fixo a CIG-Ensino dende a entrada en vigor da Lei Wert”, pero bota en falta “maior contundencia nos cambios”.  

A CIG-Ensino demanda que exista un novo marco lexislativo con carácter de mínimos “que abandone a senda da recentralización que aplicou o PP coa LOMCE, que non afogue as competencias en materia educativa que debe ter o goberno galego e que permita o deseño dunha Lei Galega de Educación que dea resposta á realidade do noso país”.

Valoran positivamente dende o sindicato tanto a liquidación das reválidas, “o principal logro da loita social contra a LOMCE e que tivo no noso país a maior resposta de todo o estado no boicot a estas probas externas”, como o remate da segregación do alumnado na ESO, a desaparición da xerarquización entre materias, a supresión da sobrecarga burocrática de control curricular e académico, a supresión da regulación do uso das linguas propias como o galego, etc. sen embargo, aseguran “haberá que agardar pola concreción da proposta ministerial para comprobar se camiña cara ao respecto do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüistico do estado ou non”.   

Entre as eivas, ao sindicato chámalle a atención “que non se conteña ningunha reflexión nin proposta en referencia aos dereitos do profesorado, principal vítima da contrarreforma da LOMCE e protagonista fundamental de calquera cambio que se queira aplicar no sistema educativo e non se aborde o problema da xestión democrática dos centros educativos”. Cren que “a relixión non debe ter cabida no currículo escolar” e lembran que “existe base xurídica para eliminar os concertos educativos cos centros do Opus, tras gañar unha sentenza no Tribunal Supremo que os declaraba ilegais, antes de que se aprobara a LOMCE”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies