Marea Atlántica aproba o seu calendario de primarias
A candidatura municipalista saca adiante o regulamento de primarias para as vindeiras eleccións municipais
A “Rede” da Marea Atlántica, aprobou o pasado luns o regulamento para as primarias nas que se escollerá a candidatura ás vindeiras eleccións municipais de 2019, co horizonte de poder reeditar o goberno na cidade herculina. Nos pasados meses Xulio Ferreiro deixou claro que Marea Atlántica presentarase coa súa propia marca pechando así a porta á posible coalición, e a súa vez Podemos asegurou que non presentaría a súa marca nas cidades onde gobernan as mareas.
O prazo de presentación de candidaturas ás primarias abrirase o 18 de xaneiro e pecharase o 3 de febreiro. Algunhas das novidades que presenta este proceso de primarias fronte o de 2015 son que para poder participar será necesario presentar listas de 20 persoas, e non haberá votación separada para a cabeza de lista.
As votacións serán entre o 15 e o 17 de febreiro. Realizarase de xeito presencial, aínda que poderá solicitarse a vía telemática nos días previos. Neste proceso poderá participar calquera persoa maior de 16 anos, asinante do manifesto da Marea Atlántica e que residira na Coruña polo menos 6 meses durante os últimos 5 anos.
Os documentos que serviron de base para sacar adiante o regulamento de primarias foron aprobados o pasado mes de xaneiro na chamada “Marea Viva” onde participaron ao redor de 150 persoas, co obxectivo de sentar as bases dunhas primarias participadas, abertas e plurais.
A #Rede aprobou onte o regulamento das #Primarias da Marea Atlántica. Comeza o camiño para a elaboración na nosa lista electoral no #Horizonte2019.https://t.co/Zm9s2rYedE
— Marea Atlántica (@mareatlantica) December 4, 2018