Imaxe: Twitter Anova

Anova quere entregarse a Podemos e busca a forma de vendelo

Anova facía un chamamento á Fronte Ampla a través dun comunicado que deixa lugar a diversas interpretacións, pois mentres algúns medios o recollían como que a dirección de Anova mantiña a aposta estratéxica de En Marea, para outros, a formación escollía a Podemos e Esquerda Unida.

Para a dirección de Anova, “fronte á alianza reaccionaria debemos reactivar a potencia social e electoral do espazo político que emanou do campo sementado do 15-M e que tivo en Galicia con AGE a súa primeira tradución política. A opción é cambio político rupturista ou deriva reaccionaria, é dicir, ampliar ou recortar dereitos sociais e liberdades democráticas. Este é o debates que debemos situar antes da cita electoral do 28-A”.

Aseguran que “Anova decide manter a aposta estratéxica que defende dende a súa fundación. Nacemos en 2012 como unha constelación de asembleas territoriais e como un espazo de encontro de culturas políticas diferentes, que nun momento histórico caracterizado pola dureza da crise económica decidimos construír consensos e liñas de actuación comúns para blindar os dereitos e o benestar das maiorías. Esa aposta estratéxica tivo diferentes concrecións tácticas en función de diferentes momentos do proceso, buscando fórmulas flexibles que en ningún caso supuxeron mudar de rumbo”.

Na xuntanza mantida onte, a Coordinadora decidía “apostar pola Fronte Ampla, dándolle continuidade ao traballo realizado con AGE, coas mareas municipalistas, co Acordo de Mazarelos e coa Asemblea de Vigo” e reunir, nos vindeiros días, “ás nosas asembleas territoriais para socializar este debate”.

É destacable da xuntanza, que  citada Coordinadora se reuniu sen ter o quórum suficiente nin paridade, como se pode comprobar nos chios publicados en Twitter por Antón Sánchez ou Miguel Anxo Fernán Vello, aspectos recollidos nos documentos da formación, o que pode cuestionar a lexitimidade das decisión alí tomadas.

A decisión de manter reunións territoriais coincide co pronunciamento de Luís Villares, voceiro de En Marea, instando a Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova a consultar coas súas bases o posicionamento a tomar sobre se manterse en En Marea ou apostar por reeditar a coalición.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies