Imaxe: Twitter Manuel Baltar

O pleno da Deputación de Ourense aproba declarar o 17 de agosto Día da Galicia Mártir

Cunha moción aprobada cos votos de todos os grupos salvo o BNG, que se abstivo, Baltar desafía, en plena campaña españolista, a Feijoo e a Casado e declara o 17 de agosto Día da Galicia Mártir.

Manuel Doval, deputado do PP, comezaba asegurando “a moción que hoxe traemos a este pleno é transcendental para Galicia e para todos os galegos”, polo que engadía, “desde este pleno, solicitamos ao Parlamento de Galicia que instaure o 17 de agosto como o Día da Galicia Mártir”. Destacou como o motivo que levou ao PP a presentar esta moción “honrar a todos os galegos e galegas que padeceron todas estas formas de sufrimento que lamentamos”.

Ramiro Rodríguez, deputado do BNG criticou ao PP ao entender que “resulta indecente que en Ourense queiran quedar ben, mentres en Galicia e o Estado o seu partido menospreza ás vítimas e rexeita políticas públicas de memoria histórica”. Instou tamén ao PP a “deixarse de xogos de prestidixitación para desconcertar ao público, a nós non nos enganan”.

Armando Ojea, deputado de Democracia Ourensá, pola súa banda, aducía que “esta moción non é máis que un modo de querer quedar ben. Unha vez máis, o PP asume un protagonismo que non lle pertence a esta Deputación, senón que debería corresponder á Xunta de Galicia”.

José Ignacio Pérez, deputado do PSOE afirmou “estamos a presenciar o cinismo político do Partido Popular”, cualificando a proposta de “demagóxica e oportunista”. Criticou tamén o feito de que esta moción responda a que “o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, non ten límites en disfrazarse do que sexa con tal de conseguir unha foto”.  

Dende a oposición coincidiron, pese a compartir ás reticencias ante a moción presentada polo PP, apoiala, “pola importancia dos termos en que se expresa a moción”, aínda que aclarando “o grao de cinismo e incoherencia que se esconde tras a proposta do PP”.

O BNG abstívose, ao considerar “non ter absolutamente nada que demostrar respecto diso do seu compromiso coa recuperación da memoria histórica”, polo que “a abstención era  única opción coherente que queda”.   

Á sesión plenaria asistiron Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, acompañada de Valentín García Bóveda e coñecidos membros do Partido Galeguista.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies