A nova conselleira de Política Social comeza o seu mandato nunha residencia privada

A CIG ven de denunciar que, no Día internacional do maior, Fabiola García Martínez estea nunha residencia privada en lugar de visitar unha das que xestiona a súa consellería

O día 1 de outubro celébrase o Día Internacional do Maior e a CIG-Autonómica critica nun comunicado que a recentemente nomeada conselleira de Política Social “non tivo mellor ocorrencia que facelo visitando o luns 1 de outubro a residencia de maiores privada DomusVi, en Ribeira”. “Facendo unha declaración de intencións en toda regra”, engadiron

DomusVi é unha das 163 residencias de anciáns e de atención diúrna pertencentes a un grupo internacional que segundo explican na súa web é “a maior rede de centros e servizos de atención ás persoas”.

“A conselleira ten todo o dereito a visitar o que considere, pero por se o esqueceu, lembrámoslle que a consellería que dirixe dispón dunha rede pública de residencias de maiores e ben puido comezar as súas visitas por facelo a un centro de xestión pública”, indicaron dende a CIG-Autonómica. “Así, de paso, podería coñecer de primeira man as carencias en materia de persoal e medios así como os excesos que se producen nos seus centros”, engadiron.

A visión da Xunta

A Consellería de Política Social reivindicou ás persoas maiores como “un dos principais activos que ten Galicia” durante a visita á residencia de Ribeira. Durante a visita, a conselleira insistiu que “Galicia, como sociedade, débelle moito ás persoas maiores e o noso obxectivo é devolverlles cando menos unha parte do seu esforzo por facer desta terra o que é hoxe: un lugar de progreso e benestar”. Neste sentido, destacou o compromiso da Xunta con estas persoas, traballando en prol de programas, servizos e recursos que lles permiten vivir nunha contorna que mellore as súas capacidades, manter a súa autonomía e independencia e que lles proporcionan a atención que necesitan.

Fabiola García fixo especial fincapé na atención a maiores dependentes, subliñando o notable incremento que nos últimos anos experimentaron servizos como o de axuda no fogar co recente novo aumento das horas que teñen a súa disposición todos os concellos para desenvolver esta prestación. Tamén se referiu á importante rede de prazas residenciais e centros de día, que se complementa co Bono Autonomía en Residencia que ten por obxecto que todos os maiores teñan acceso a atención residencial.

Por último, a titular de Política Social garantiu o compromiso do conxunto do Executivo autonómico para que “Galicia sexa o mellor lugar para ser maior e para facerse maior”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies