Imaxe: https://twitter.com/minatouropinono

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo tramita varias peticións sobre a mina de Touro

O Parlamento Europeo tramita diversas peticións presentadas por entidades ambientalistas galegas, entre as que se atopa a “Plataforma veciñal de Touro-O Pino Non”, que pide que se restaure o emprazamento da antiga mina ao descuberto de Touro debido aos efectos adversos sobre o medio ambiente.

A posible contaminación das augas do río Ulla e a ría de Arousa, a potencial afección do proxecto extractivo a zonas da Rede Natura 2000 no Pino, as características da empresa promotora e a falla de información son algúns dos motivos que levaron a trasladar as citadas peticións ao Parlamento Europeo.

Entre os problemas específicos que prantexan as peticións están os impactos do proxecto extractivo na base territorial das explotacións agrarias beneficiarias da PAC, a desaparición de ata 20 mananciais de auga e as reservas que abastecen polo menos a un cento de vivendas e explotacións gandeiras, así como o malestar e a alarma social xerada pola creación na zona de balsas de estériles con diques de 2.806 e 3.187 metros de lonxitude e alturas de ata 81 metros, que se encapsularían ao final da súa vida útil a escasos metros de poboacións habitadas.     

Dende que se coñeceu o contido do proxecto de Cobre San Rafael, entre a veciñanza destes concellos e outras organizacións medioambientais presentaron máis de 1500 alegacións, realizáronse manifestacións, entregáronselle ao Presidente da Xunta máis de 26.000 sinaturas en papel contra o proxecto e permanece aberta unha campaña na plataforma dixital Change.org na que dende xuño lévanse sumado 70.000 apoios en contra da apertura desta mina e deste proxecto devastador.

As tres peticións presentadas figuran abertas á adhesión da cidadanía que desexe presentarlles o seu apoio, a través da web da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies