Ruptura do goberno tripartito en Sada

O PSOE abandona o pacto de goberno ao que chegaron en 2015 con Sadamaioría e o BNG

As concelleiras do PSOE, Raquel Bolaño e María Pardo, anunciaron o mércores en rolda de prensa que abandonaban o goberno de Sada. Os motivos que aducen son a falta de “diálogo” e a “imposición” de propostas por parte do actual alcalde, Benito Portela. As concelleiras confirmaron que tomaron a decisión despois do rexeitamento por parte de Sadamaioría da reforma da praia de Sada e a zona de O Curruncho.

O Alcalde de Sada, Benito Portela, remitiu un comunicado despois de coñecerse a renuncia das concelleiras socialistas onde expresa a falta de “comunicación” por parte do PSOE co goberno. Argumenta que o PSOE en Sada non ten “motivos reais” para abandonar o goberno municipal e interpreta a actuación das concelleiras como unha “manobra electoral” de cara as eleccións de 2019. O Alcalde anunciou que asumirá as competencias das concelleiras do PSOE que abandonan o goberno, Educación, Sanidade, Xuventude e Praias, ata o reaxuste da equipa de goberno.

O BNG pola súa parte ofrécese a “mediar para restablecer os lazos de cooperación e recompoñer os acordos dos partidos progresistas en Sada”. Ademais, tacha de “feito gravísimo” a actuación do PSOE polo que afecta a gobernabilidade presente e futura do concello.

O actual goberno que se conformou despois das eleccións de maio de 2015 estaba composto por 4 concelleiros de Sadamaioría, 2 do PSOE e 2 do BNG, dos 17 que compoñen a corporación, o que deixaba o goberno en minoría e con necesidade de recabar apoios na oposición. Agora a dimisión das concelleiras socialistas deixa un camiño complicado para o Alcalde ata a vindeira convocatoria electoral.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies