Imaxe: http://mareatlantica.org/

División na lista de Bruzos: Anova quere votar, Esquerda Unida non

Mentres Anova insta a non abandonar o proceso de eleccións internas de En Marea, Esquerda Unida, a través dun comunicado, considera que “non se dan as condicións democráticas para votar”.

O “sector oficial” de Anova, tralas múltiples acusacións á dirección de En Marea de “golpismo” e “fraude” pola paralización temporal das votacións e debates no seo da formación nacionalista, chama a converter estas votacións nun “revogatorio” contra Luís Villares e empraza a Podemos e Esquerda Unida a mobilizar á súa militancia para votar esta fin de semana. Despois de que o xoves o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, avanzase que Compostela Aberta “non vai abdicar de participar no espazo galego”, o sector oficial de Anova, nun comunicado, aseguraba que “é necesario preservar o espazo de Entre Todas e manter a candidatura no proceso interno de En Marea”.

Unha das reivindicacións de Anova para participar no proceso de votación era que se publicasen as auditorías realizadas durante a paralización das votacións, auditorías que, segundo integrantes de Esquerda Unida sinalaron, apuntaban cara eles no relativo aos accesos irregulares ao censo.  

Desmarcándose do posicionamento da cúpula de Anova, Esquerda Unida manifesta “o noso total desacordo co proceso de elección do Consello das Mareas”, pois aseguran “a usurpación de funcións do Comité Electoral por parte da Coordinadora de En Marea, a expulsión de 3 compañeiras do mesmo, as acusacións, difamacións e calumnias de compañeiras e compañeiros electos democraticamente polo espazo político para desenvolver este proceso electoral, son motivos máis que suficientes para non avalar nin as formas nin o procedemento”.

Esquerda Unida dubida de que o proceso de votación ao Consello das Mareas e á Comisión de Ética e Garantías “garanta a limpeza no proceso de votación”, polo que consideran que “non se dan as condicións democráticas para votar”.  

Pola súa banda, Podemos aínda non amosou a súa postura ao respecto da participación aínda que é moi probable que mova a súa maquinaria polas presións que está a exercer Xulio Ferreiro. Isto provocaria que a formación morada forzase a Esquerda Unida a cambiar a súa postura.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies