Imaxe: http://congreso.enmarea.gal

Antón Gómez-Reino: “Podemos debe ser o centro do espazo de cambio”

Nunha entrevista concedida o pasado domingo á Cadena Ser, Antón Gómez-Reino, Secretario Xeral de Podemos Galicia e voceiro de En Marea no Congreso, amosouse satisfeito co traballo realizado dende o grupo en Madrid e aseguraba que Podemos debe reivindicarse para estar “no centro do espazo do cambio” e defendeu que “os partidos teñen que estar cómodos, as mareas municipalistas, como a nosa cabeza de lanza, teñen que estar cómodas no espazo de En Marea, e temos que poñerlle máis horizonte”.

Na entrevista tamén asegurou que a formación morada é a forza que máis se parece á Galicia urbana, ao tempo que instaba a seguir sumando “xente do ámbito académico, do ámbito técnico… cidadanía” para agrandar o espazo e aproveitou para meter máis leña ao lume asegurando que a fórmula de En Marea “se está parecendo ás veces un pouco demasiado aos partidos tradicionais”.

Rendición de contas de En Marea

Preguntado pola negativa do grupo parlamentar de Madrid a render contas no plenario, Gómez Reino indicou que “o escenario non era o máis oportuno para ese tipo de rendicións de contas” e que o grupo se debe a unha coalición electoral e non ao partido instrumental á vez que asegurou que é o grupo que máis rendicións de contas ten feito ante a cidadanía. Gómez Reino tamén aproveitou a entrevista para emprazar a reflexionar a Luís Villares tralo plenario de En Marea.

Luís Villares, nunha entrevista publicada no Progreso de Lugo, volveu afear a negativa a render contas dos deputados do Congreso, por ser “inaceptable en termos democráticos neste espazo” e enfatizou que nas eleccións haberá que escoller entre “un proxecto propio e outro no que non sexamos máis que un apéndice rexional, unha especie de verniz galeguista para Unidos Podemos, algo ao que nin eu nin moita xente estamos dispostos”. 

En Marea como franquicia de Podemos?

O voceiro de En Marea, Luís Villares, na mesma entrevista, foi taxante afirmando que “as decisións en En Marea se toman dentro e non fora, onde mandan as inscritas e sempre se renden contas ante elas” ao que engadiu que “fronte ao noso proxecto haberá un que se revela como sucursalista de Podemos, onde mandan as cúpulas dos partidos e onde os inscritos sexamos reducidos a pegacarteis”.

3 thoughts on “Antón Gómez-Reino: “Podemos debe ser o centro do espazo de cambio”

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies