“Con esta Europa non hai Paz”: O gasto militar da UE a debate en Compostela

Co título “Con esta Europa non hai Paz. Non ao gasto militar”, a eurodeputada Lidia Senra organiza esta charla-coloquio que terá lugar este xoves, 8 de novembro, ás 19:00h no salón de graos da Facultade de Políticas, en Santiago de Compostela.

Na charla-coloquio tratarase como as institucións europeas están comprometendo a paz na UE, baseándose en que nestes momentos estase negociando o Marco Financeiro Plurianual para o período 2021-2027 e as cifras destinadas á militarización e ao reforzo da industria armamentística non deixan lugar a dúbidas.

Nas prioridades orzamentarias da UE figuran a defensa, a seguridade e as fronteiras exteriores, substituíndo outros aspectos como a loita contra a desigualdade entre os territorios. A fronteiras exteriores e seguridade destinaranse 21.300 millóns de euros, fronte aos 5.600 millóns do período anterior. En seguridade e defensa investiranse 27.515 millóns de euros, dos cales 13.000 millóns destinaranse a crear un fondo novo de Defensa. Dende a organización do coloquio aseguran que “os datos avalan que estamos ante todo un reto para quen apostamos por outra Europa, afastada do militarismo. Mal se pode apoiar a paz preparándose para intervir”, e para falar deses retos, intervirán na palestra Lidia Senra e Sabine Lösing, vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo. A presentación do acto encomendóuselle a Xavier Vence.

Esta será a primeira vez que se poderá escoitar a Lösing en Galicia.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies