Imaxe: https://enmarea.gal/

A polarización en En Marea é cada día máis evidente

Nunha entrevista concedida onte á Cope-Santiago, o voceiro de En Marea, Luís Villares, analizaba a situación interna de En Marea, facendo unha dura crítica a deputados e deputadas do grupo de Madrid por non render contas no plenario e amosando a polarización de proxectos que actualmente se dan no espazo rupturista. 

Cuestionado sobre a súa visión do Grupo Parlamentar do Congreso e a negativa a render contas, Villares foi taxante ao asegurar que “iso en termos de organización interna nos parece inaceptable e en termos políticos tamén é inaceptable unha non rendición de contas por parte da maioría pertencente a Unidos Podemos con relación ao espazo de En Marea. Non estamos dispostos a aceptar un proxecto que sexa simplemente sucursalista ou un apéndice de Podemos”.

Continuou afirmando que respecta a Podemos, pero que “o espazo de En Marea é soberano, e iso significa que os instrumentos dos que nos dotamos teñen que servir para todo o mundo”.

Foi moi claro o voceiro de En Marea ao asegurar que “nas eleccións de 2015 a xente votou a En Marea, non votou nin a Anova, nin a Podemos nin a Esquerda Unida, votou a En Marea, polo tanto o normal é que os deputados e deputadas rendan contas a En Marea, reforzando a “tese Beiras”, que segundo explicou, “é unha tese aprobada no plenario de marzo que obriga e ratifica ese compromiso de submisión dos grupos parlamentarios á dirección política”, enfatizando a necesidade de cumprila.

Proxectos polarizados

Para Villares, a xente deberá escoller “qué tipo de proxecto quere para En Marea: por un lado un proxecto soberano, integrador, mestizo, onde ideoloxicamente todas as sensibilidades  están representadas, pero que non sexa submiso ás cúpulas dos partidos e por outro lado, un proxecto que se ten revelado nas últimas semanas e particularmente no fenómeno da rendición de contas, como un proxecto netamente sucursalista e seguidista de Podemos”.

Para o voceiro da formación rupturista, “en Galicia, o proxecto de En Marea é un proxecto máis amplo, máis plural e máis diverso que o que achega Podemos. A achega de Podemos foi e é fundamental no espazo de En Marea, pero débese entender que o espazo é máis amplo politicamente que iso, e iso foi a razón do éxito electoral e social de En Marea”.     

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies