Imaxe: https://www.flickr.com/photos/elentir

O PP de Ourense quere aprobar unha ordenanza que acabaría cos magostos

O goberno local do concello de Ourense, presidido por Jesús Vázquez Abad (PP), presentou en xunta de goberno local o proxecto de “Ordenanza reguladora da convivencia cívica e a protección da saúde derivada do consumo, venda, publicidade e promoción de bebidas alcólicas en espazos públicos” (coñecida como ordenanza do botellón), elaborada dende a Concellería de Sanidade, que xestiona Sofía Godoy e que terá que negociar coa oposición, no que se prevé a prohibición expresa do consumo de alcol na rúa.

“Non estará permitido o consumo de alcol na vía pública, salvo en veladores, terrazas ou festas autorizadas” avanzou o alcalde, tras explicar que o Concello pretende asumir esa competencia de control e derivar a vixilancia á Policía Local, para o cal a proposta terá que pasar polo pleno antes de final de ano e acadar a maioría dos votos para poder aprobala. A proposta recolle limitacións e prohibicións da publicidade, promoción, subministro e venda de bebidas alcólicas e establece sancións para quen incumpran as normas que van de 601 euros en caso de infraccións leves a 10.517 euros no caso das máis graves.  

“Lei seca” ao consumo de alcol en lugares públicos

O persoal da hostalería da zona histórica permanece á espera, pois refiren, “tras levar anos dando vasos de plástico á clientela, teremos que controlar que non saian a beber no exterior, cando si se permite, trala lei do tabaco, saír a fumar fóra do local, algo contraditorio”. Tamén consideran unha incongruencia “prohibir o consumo de bebidas alcólicas na rúa mentres se consinte a quen están sentados en veladores”.   

Segundo a proposta, no caso de festas propias da cidade, dos barrios, feiras, festivais, concertos e festexos populares (como os magostos), non so deberán empregarse envases “seguros e autorizados”, senón que tamén deberán “exhibir cartel que lembre a vixencia da prohibición de venda de alcol a menores de idade”. 

Críticas dende a oposición

Ourense en Común afeou ao grupo de goberno popular que abordase esta ordenanza con xuntanzas “en exclusiva e a porta pechada” cos grupos da corporación, sen escoitar ás partes implicadas, cando “mocidade, colexios profesionais ou ANPAS teñen moito que dicir”. 

Magostos

De ser aprobada a ordenanza tal e como está redactada impediría a celebración da festa dos magostos que ademais coincide co patrón da cidade, o San Martiño, impedindo que se poida celebrar en lugares públicos e nos montes esta festa tradicional.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies